
O IES Lauro Olmo de O Barco, premiado no programa “Clases sen fume” por fomentar hábitos saudables entre o alumnado

A aula de 1º ESO B do IES Lauro Olmo de O Barco foi distinguida cun dos premios do programa “Clases sen fume” 2024-2025, unha iniciativa de prevención do tabaquismo impulsada pola Consellería de Educación dentro do Plan Proxecta. O galardón recoñece o traballo colectivo do alumnado e do profesorado na promoción de estilos de vida saudables e na loita contra o consumo de tabaco entre a mocidade.
O programa, dirixido a escolares de 12 a 14 anos —etapa na que adoitan producirse os primeiros contactos co tabaco—, baséase no compromiso de toda a clase de non fumar durante polo menos seis meses. A metodoloxía busca potenciar a presión de grupo positiva e a confianza mutua, apoiándose tamén en recompensas que actúan como incentivos.
Ao longo da iniciativa, o alumnado tivo que desenvolver dúas tarefas principais: A creación dun slogan acompañado dunha imaxe gráfica, orientado a convencer a outros mozos e mozas de non iniciarse no consumo de tabaco e a elaboración dunha actividade creativa relacionada coa prevención, podendo escoller entre diversas modalidades como cancións, anuncios, obras de teatro, cómics, xogos ou contos.
O traballo presentado pola aula de 1º ESO B destacou entre as propostas de centros educativos de toda Galicia, e será recoñecido nun acto de entrega de premios o vindeiro 10 de xuño en Santiago de Compostela.
Este premio supón un recoñecemento ao compromiso do IES Lauro Olmo coa saúde e o benestar do seu alumnado, e un exemplo do potencial da educación para fomentar decisións libres e responsables desde idades temperás.