
Formoso: «Hai que dar ferramentas a esta terra para defenderse»
O secretario xeral do partido socialista galego, Valentín González Formoso, reuniuse con alcaldes e voceiros da comarca de Valdeorras, na sede do partido

Reunión dos socialistas na sede do partido do Barco de Valdeorras. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; a candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; e o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; mantiveron un encontro con alcaldes e voceiros da formación na comarca de Valdeorras de cara ás eleccións autonómicas.
Formoso explicou que os socialistas preséntanse ás eleccións «coa idea de que o Eixo Atlántico coopere en intentar mellorar e equilibrar as posibilidades do eixo interior de Galicia». Asegurou que Lugo e Ourense necesitan que «dupliquemos as inversións financeiras nestas dúas provincias». O seu maior interese puxo en Ourense, xa que «se necesita mellorar os servizos públicos, sobre todo a sanidade que está moi castigada na comarca de Valdeorras».
Por outra banda, puxo en valor as infraestruturas que «permitan mellorar as potencialidades desta terra. Se a esta terra se lle axuda, ela axudará a Galicia», dixo Formoso. Para logralo, o secretario xeral, cre que a zona «necesita ferramentas para defenderse, infraestruturas, boas conexións e servizos públicos de calidade. Ademais, chan industrial para albergar as iniciativas emprendedoras».
Dende o PSdeG, afrontan estas eleccións autonómicas cun eixe claro de «optimismo, ilusión, outra provincia de Ourense é posible», asegurou Formoso. Asemade, considera que para lograr todo isto necesítase que «Galicia concentre os seus esforzos nos próximos 10 anos en Lugo e Ourense», conclúe o secretario.