Cholo e Nela pecha a súa 25ª edición cun emotivo agradecemento a todas as persoas que fixeron posible a convivencia
A XXV Convivencia de Educación Infantil «Cholo e Nela, construtores de brinquedos» segue deixando pegada semanas despois da súa celebración. A organización do evento, impulsada polo CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras, fixo público o tradicional vídeo resumo da xornada, acompañado dunha mensaxe de agradecemento dirixida a todas as persoas e entidades que contribuíron a facer posible unha edición especialmente significativa ao cumprir vinte e cinco anos de historia.
A convivencia, celebrada o pasado 28 de maio, reuniu a preto de 900 persoas entre alumnado, profesorado, familias e colaboradores. Uns 450 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, procedentes de catorce centros educativos de Valdeorras e comarcas limítrofes, participaron nun amplo programa de actividades baixo o lema «Construtores de brinquedos».
Desde a organización, Nacho Hermida valorou moi positivamente o desenvolvemento da xornada. «Consideramos que a experiencia volveu ser un éxito total. A verdade é que a xente marchou moi satisfeita, moi contenta», sinalou, destacando tamén o significado de alcanzar as vinte e cinco edicións dunha iniciativa xa consolidada no ámbito educativo da provincia.
Hermida quixo agradecer a colaboración dos centros participantes, das institucións, dos corpos de seguridade e emerxencias, das familias e de todas as persoas que se implicaron na organización das actividades, exhibicións e servizos da xornada. «Queremos mandar un agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que Cholo e Nela, unha vez máis, saíse adiante», manifestou.
A organización fixo unha mención especial ao profesorado e persoal do CEIP Julio Gurriarán polo traballo realizado tanto nos días previos como durante a celebración, así como ao persoal de limpeza e comedor. Tamén destacou a colaboración de entidades como a Xunta de Galicia, o Concello do Barco, os equipos de dinamización da lingua galega, o CFR de Ourense, a Garda Civil, a Policía Local, o GES Valdeorras, Protección Civil, empresas colaboradoras e os medios de comunicación que deron difusión ao evento.
Outro dos agradecementos especiais foi para Carlos Álvarez, responsable da elaboración do vídeo resumo, e para todas as persoas que ao longo destes vinte e cinco anos formaron parte dos seminarios de organización dunha actividade que se converteu nun referente da Educación Infantil en Galicia.
«Conseguimos chegar ás 25 edicións, un fito bastante histórico nas actividades da Educación Infantil da provincia de Ourense», subliñou Hermida, quen rematou a súa mensaxe cun desexo compartido por toda a comunidade educativa: «Viva Cholo e Nela, vémonos o ano que vén, se todo vai ben».