martes. 26.05.2026

Cholo e Nela celebran 25 anos enchendo de ilusión, xogos e convivencia a infancia da comarca

O globo do País da Fantasía e a pinga de auga do río Sil volverán reunir este xoves en O Barco a centos de escolares de Valdeorras, Trives, Viana, Vilariño ou Manzaneda
somoscomarca_choloenela_2025_manuelrespinoarua_ (5)

O globo do País da Fantasía e a pinga de auga do Río Sil levan xa un cuarto de século facendo sorrir e entretendo aos máis pequenos da comarca. Cholo e Nela celebran este ano o seu 25 aniversario convertidos nunha das actividades educativas e de convivencia máis queridas por xeracións enteiras de nenos e nenas de Valdeorras e das comarcas veciñas.

A gran festa celebrarase este xoves no Barco de Valdeorras e reunirá alumnado de Educación Infantil procedente de centros educativos de Valdeorras, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Trives, Manzaneda e outros municipios limítrofes.

Durante unha entrevista en Radio Valdeorras Onda Cero, Nacho Ermida explicaba que esta edición levará por lema «Constructores de Brinquedos», apostando pola recuperación dos xogos populares, os xoguetes tradicionais e o valor educativo do xogo compartido.

somoscomarca_choloenela_2025_manuelrespinoarua_ (22)
O pasado ano na convivencia celebrada no Manuel Respino da Rúa

«Cholo e Nela é unha xuntanza dos nenos de educación infantil de toda a comarca na que se fai unha festa de fin de curso e cada ano hai un centro de interese. Este ano son os brinquedos e o xogo popular», explicaba.

Así, ao longo da xornada os pequenos poderán desfrutar de propostas como as agachadas, o pilla-pilla, as chapas ou xogos elaborados con madeira e cartón, recuperando formas de divertirse que, segundo destacaba Ermida, «agora practícanse menos e precisamente por iso chaman moito a atención».

A actividade mobilizará arredor dun milleiro de persoas entre alumnado, profesorado, familias, colaboradores e corpos de seguridade. Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e diferentes institucións volverán implicarse nun evento que xa forma parte da identidade educativa da comarca.

«É unha festa dos nenos, pero tamén dos maiores», resumía Ermida, que quixo agradecer o esforzo de todas as persoas que fan posible manter viva esta proposta durante tantos anos.

A celebración contará tamén con exhibicións da Garda Civil e da unidade canina, unha das actividades que máis entusiasma aos rapaces.

Tras máis de dúas décadas de historia e despois da pausa obrigada pola pandemia, Cholo e Nela seguen demostrando que a convivencia, o xogo e a ilusión continúan sendo a mellor maneira de unir á comunidade educativa arredor da infancia.

«Moitas veces fóra valoran máis esta actividade porque non é habitual unha proposta da escola pública que leve máis de dúas décadas funcionando», destacaba Nacho Ermida

Tu prueba Premium ha finalizado

Cholo e Nela celebran 25 anos enchendo de ilusión, xogos e convivencia a infancia da...