jueves. 28.05.2026

Cholo e Nela celebran 25 anos con xogos, música e moito calor

Preto de 900 persoas participaron nunha nova edición da convivencia de Educación Infantil marcada polo lema «Construtores de brinquedos»

O patio do CEIP Julio Gurriarán volveu converterse este xoves nun enorme espazo de xogos, música e convivencia entre escolares coa celebración da 25ª edición de Cholo e Nela, unha cita xa histórica para a Educación Infantil da comarca que reuniu a preto de 900 persoas entre alumnado, profesorado, familias e colaboradores.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (22)

Baixo o lema «Cholo e Nela, construtores de brinquedos», arredor de 450 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos procedentes de 14 centros educativos de Valdeorras e comarcas limítrofes participaron nunha intensa xornada de actividades arredor do xogo tradicional, os xoguetes de refugallo e a educación en valores.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (55)

O director do centro e membro da organización, Nacho Hermida, explicaba que nesta edición quixeron poñer o foco no valor do xogo como ferramenta de unión e convivencia.

«O centro de interese é o xogo, o xogo popular, os xoguetes de refugallo e tamén un pouco darlle valor ao xogo e ao xoguete como elemento unificador e elemento de paz», sinalaba.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (29)

Nun contexto marcado polas guerras e os conflitos internacionais, a mensaxe deste ano xirou precisamente arredor desa idea. «É moi importante tamén concienciar aos nenos de que o xogo e o xoguete axúdannos a estar en paz», apuntaba Hermida, explicando que a canción desta edición leva por título «Cholo e Nela, Brinquedos de Paz».

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela_nachohermida (18)
Nacho Hermida, un dos promotores do evento desde a primeira edición

A convivencia contou coa participación de centros de toda a comarca e tamén dun colexio chegado desde Cubillos del Sil, que leva anos formando parte desta experiencia educativa. «Veñen sempre encantados», destacaba o director.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (42)

Ao longo da mañá os pequenos foron pasando por diferentes espazos de rotación con xogos, obradoiros, inchables e exhibicións. Un dos puntos que máis expectación xerou foi a presenza da Garda Civil, Protección Civil, GES e Policía Local, cos seus vehículos e demostracións. «Levamos toda a mañá escoitando sirenas e moito ruído precisamente polo gozo que lles produce esta actividade», comentaba entre risas.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (32)

A intensa calor marcou tamén parte da xornada, obrigando a buscar as zonas de sombra do colexio para o xantar. Pola tarde chegou outro dos momentos máis esperados coa actuación en directo de Cholo e Nela e unha selección das cancións máis emblemáticas destes 25 anos de historia.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (33)

Hermida aproveitou ademais para agradecer a implicación de institucións, autoridades, profesorado e familias. «Isto non sería posible se non se implicase a xente que participa», aseguraba, destacando especialmente a boa disposición coa que cada ano se vive esta convivencia.

somoscomarca_20260528_obarco_colegiojuliogurriaran_choloynela (52)

Porque despois dun cuarto de século, Cholo e Nela seguen demostrando que xogar tamén é educar, convivir e construír.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Cholo e Nela celebran 25 anos con xogos, música e moito calor