

A Asociación Casino do Barco anunciou o galardoado este 2024 a Barquense do ano, unha tradición que se recuperaba xa o pasado 2023 e que pretenden manter de novo no tempo. Era Pablo Dobao, presidente da entidade, quen xunto a outros membros da directiva comunicaba o nome do elixido «por unanimidade».

Nesta ocasión o galardoando foi José Luis Gómez, ou máis coñecido como "Victoria". O seu gran labor no mundo do baloncesto durante máis de 40 anos, como presidente do Mobles Victoria, foi un dos principais motivos da súa elección, pero tamén «polo seu saber facer no deportivo, como persoa, e por representar tan ben ao Barco por toda Galicia».

De feito, esta non é a primeira vez na que contan con el para algo tan importante. No ano 2017, todos os habitantes do Barco puideron escoitalo dando o pregón das Festas do Cristo. Para Gómez supón unha «alegría este recoñecemento, sempre da as alas para poder seguir neste camiño, nesta traxectoria e para seguir traballando. De cara ao baloncesto, seguir pelexando coas categorías inferiores e seguir formando os nenos e nenas». Por outra banda tamén quere agradecer a aquelas persoas que «recoñecen a un para este galardón».
"Victoria" non recorda exactamente fai cantos anos comezou no mundo do baloncesto, pero «creo que, oficialmente, con licencia de adestrador andarei nos 45 anos en esta tempada». Uns 14 equipos chegaron a pasar nunha soa tempada polas súas mans, «este ano, andaremos nos 10 ou 11, xa que hai algunha precariedade en algunha categoría».

A pandemia foi un punto de inflexión, posto que «nos truncou moito, non nos deixou traballar. Non había forma de desprazamentos, entón tivemos que deixalo un ano e medio». Este ano, en cambio, «xa é máis forte e esperamos que o seguinte sexa mellor». Gómez recorda eses primeiros anos con cariño no mundo do baloncesto, iso si, con moito sacrificio para poder chegar a tempo a todos os compromisos que tiña pendentes. Sobre todo sinala «as amistades, o coñecer xente».

Cando Victoria comezou no mundo do baloncesto, as cousas non eran como agora, non había tantas axudas. «Seguimos chorando os de arriba para que colaboren o máximo posible, porque falta fai. Hai moito movemento de xogadores. Antes igual había menos gastos, pero hoxe para ter un club hai que moverse sen durmirse». «Antes no había as posibilidades que temos agora, de movernos, de coñecer o mundo. Acórdome de aqueles detalles de ir xogar a Coruña e ver o mar, era unha novidade», recorda con cariño.

De feito, na cuidade herculina lémbrase cando «cheguei ca miña muller o partido e habíanme quitado a ficha o sábado nun partido. Eu subinme para a grada en Riazor, nese momento acercouse un árbitro e díxome que me puxera no banquillo», rememora de xeito anecdótico. Se dúbida, con estas historias que ten, quere chegar «aos 50 anos adestrando a nivel galego».

Os tradicionais Barco Vs. Rúa
Apenas fai uns días, os encontros tradicionais do Barco fronte o Rúa foron o tema central dunha cea que tivo con amigos. «Na cancha, onde as piscinas, inda se me acordan aquelas pelexas», recorda entre risas. Aínda que, «as rivalidades tamén trouxeron moitos amigos».
Se queres escoitar a entrevista feita a pé de rúa, preme a seguinte ligazón: