jueves. 25.09.2025

Asilival reactiva as protestas e denuncia o silencio institucional

A asociación de silicose retoma as concentracións ante o hospital do Barco, chama aos alcaldes a formar unha fronte común e critica o silencio da nova asociación da que descoñece obxectivos
somoscomarca_20250925_obarco_hpv_concentracionasilival (3)

O Barco continúa a ser escenario de mobilizacións sociais pola mellora da atención sanitaria. Este xoves, 25 de setembro, a Asociación de Afectados pola Silicose en Valdeorras (Asilival) retomou as protestas diante do Hospital Comarcal, cunha nova concentración que reuniu arredor dun cento de persoas. A principal demanda continúa intacta, a incorporación dun especialista en pneumoloxía no centro hospitalario.

A protesta contou cunha participación lixeiramente superior á da última convocatoria, celebrada no mes de xullo, o que, segundo José Rodríguez, presidente de Asilival, «amosa que a reivindicación segue viva e que a veciñanza continúa implicada».

Entre os «cinco ou seis rexedores» convidados por Rodríguez, acudiu o alcalde do Barco, Aurentino Alonso así como concelleiros dos grupos socialista e nacionalista do ente local.

A demanda está vinculada directamente coa realidade da comarca, onde a silicose —unha enfermidade respiratoria relacionada co traballo en minas e canteiras— afecta a un número importante de traballadores.

A situación, lonxe de mellorar, complícase ante a falta de resposta institucional. Segundo explicou Rodríguez, esta semana estaba prevista unha comisión de centro na que se trataría a situación da pneumoloxía. Porén, «foi cancelada sen explicacións claras».

Membros da asociación achegáronse o pasado luns ao hospital para «falar co director de distrito», quen lles asegurou que a reunión tería lugar. «Non sabemos por que se suspendeu», lamentou Rodríguez, quen ve nesta cancelación «un exemplo máis da falta de interese e transparencia por parte da administración sanitaria».

A asociación mantén o seu compromiso de continuar coas protestas cada xoves as 11:00 horas. «Seguiremos mobilizándonos. Esta situación non se pode prolongar máis tempo», advertiu.

Para reforzar a protesta algún dos participantes da concentración entregou unha folla de reclamación no HPV. Iso si, fixérono de xeito ordenado entrando dun en un e sen facer ruído.

somoscomarca_20250925_obarco_hpv_concentracionasilival (4)

En busca do apoio dos alcaldes

Un dos acordos máis recentes de Asilival é a convocatoria dunha nova asemblea, esta vez co obxectivo de reunir os alcaldes da comarca que «apoian a causa». «Queremos que dean a cara e sumen forzas na reclamación ante a Consellería de Sanidade», declarou o presidente da entidade.

Aínda non hai unha data fixada para este encontro, pero desde a asociación estase a traballar en ofrecer varias opcións para facilitar a asistencia. O obxectivo, indican, é claro: «Conseguir unha fronte común entre a veciñanza afectada e os seus representantes políticos para que a comarca de Valdeorras deixe de ser ignorada».

Un novo colectivo, entre o apoio e a incerteza

Durante a concentración tamén se fixo referencia á aparición dunha nova asociación na zona, da que «pouco se coñece». Rodríguez recoñeceu que, a pesar da repercusión mediática, «non sabemos quen está detrás, nin cales son os seus obxectivos concretos». Asilival tentou establecer contacto, mesmo enviando unha mensaxe de felicitación nas redes sociais, pero sen obter resposta.

«Se veñen a sumar, perfecto. Se veñen a dividir, vano ter complicado», advertiu Rodríguez. A asociación dubida tamén da viabilidade da nova entidade, que, segundo a información que manexan, pretende actuar sen recursos económicos. Con todo, desde Asilival abren a porta á colaboración se o fin último é común: «Se o conseguen eles, mellor para todos. Pero se veñen a dividir, iso non é o camiño».

A mobilización social en Valdeorras segue viva. A veciñanza, os afectados e tamén representantes municipais prepáranse para continuar esixindo unha mellora na atención sanitaria. Sen resposta por parte da administración, Asilival mantén viva a loita, cun obxectivo claro: garantir atención especializada para unha enfermidade que marca o día a día de moitas familias na comarca.

Asilival reactiva as protestas e denuncia o silencio institucional