
O pasado venres comezaba a 32 Semana de Cine do Barco na que o Cine Club Groucho Marx e Baños Films eran os galardoados coa «Butaca de honra». Na penúltima fila diante da de Chano Piñeiro locen os nomes da empresa viguesa de distribución cinematográfica, Emilio Baños Films e o do cine club barquense.
Para saber dun dos homenaxeados, o Cine Club Groucho Marx, conversamos no patio de butacas co primeiro presidente da entidade, Anxo Santomil e a persoa que na actualidade rexenta o cargo, José María Rodríguez. A historia, as anécdotas, as películas emitidas e as que se quixeron emitir, a « Televisión Grouchista» ou a actividade pedagóxica nos colexios a través do cine foron temas que saíron durante a conversa.

O Cine Club Groucho Marx naceu en 1980 nun bar, como non podía ser doutro xeito, nunha reunión de amigos que tiñan inquedanzas e buscaban no cine algo máis que «pelis» para pasar o rato. Fixeron unha xestora e logo sometéronse á votación e «de aí saíu nomeado Anxo Santomil coma presidente», sinala José María.

«Nunha reunión que tivemos alí, no Bar Cuatro caminos, decidimos que o cine que se botaba en Valdeorras, que era bastante —había dous cines no Barco—non cubría as expectativas cinéfilas do resto dos mozos da vila», conta o actual presidente.

A primeira película que se proxectou foi «Pasajeros del tiempo», anque como recorda José María a sesión 0 foi «Estado de Sitio». «Estaba moi limitado ver certo tipo de películas que era o cine comercial. Sen embargo as películas que estaban fora do circuíto comercial non tiñas posibilidade de acceder a elas, sobre todo as máis comprometidas e de certa calidade e a xente estaba a procura de ver ese tipo de películas», subliña Santomil.

Comezáronse as proxeccións no cine Monumental e logo «pasamos o Colón, e logo outra vez o Colón», recalca o primeiro presidente. E, é que dependendo das subvención que «xenerosamente nos daban —di José María en ton irónico—, podíamos tirar máis ou menos o ano enteiro. Eran anos de frío». «De resistencia e compromiso» engade Santomil.

Cando comezaron a facer as semanas de cine, xa foi outra cousa. Sen dúbida a terceira foi a que adquiriu máis relevancia. «Foi a mellor e a máis explosiva», apunta Santomil quen ademais comenta que se «fixo unha cousa que non se fixera nunca». «O cine club nesa terceira semana seguiu unha dinámica distinta e ademais da exhibición de películas, abarcouse os centros de ensino de O Barco, Vilamartín e Rubiá». Utilizouse o cine como actividade pedagóxica.

A Telegroucho, «foi a primeira televisión local que se fixo neste pais», sinala Rodríguez. «Foi a experiencia que tiñamos aquí cos centros de ensino, os programas cos alumnos...», significa Santomil. Xurdiu a raíz do festival internacional ao que acudiron con un bo número de estudantes da zona a Xixón.
Non faltou o recordo a «Sempre Xonxa», a película rodada en Santoalla e na que a maioría do elenco era valdeorrés.
No seguinte vídeo podes ver a conversa completa: