domingo. 26.10.2025

O túnel do terror enche de sustos e diversión o Samaín do CCA O Barco

Centos de persoas participaron nunha das actividades máis esperadas do programa “Obarcoaberto”, que volveu converter o centro da vila nun escenario cheo de medo e risas para pequenos e maiores

O Samaín regresou con forza ao Barco da man do Centro Comercial Aberto (CCA), que un ano máis organizou  unha xornada chea de actividades para todas as idades. Durante todo o 25 de outubro, a vila encheuse de animación, talleres e propostas tanto de mañá como de tarde, co obxectivo de dinamizar o comercio local e festexar o Samaín dun xeito divertido e participativo.

Na praza do Concello, a carpa instalada polo CCA acolleu actividades como o fotocall, fotomatón e  pintacaras, que fixeron as delicias dos máis pequenos. Pero a cita máis esperada chegou pola tarde, cando ás 19:30 horas abriu as súas portas o temido Túnel do Terror, instalado no pavillón vello da vila.

somoscomarca_20251025_obarco_pabellonviejo_tuneldelterror_ccaobarco (5)

Colas, sustos e moita participación

As colas para acceder ao túnel chegaban ata a rúa Marcelino Suárez, reflexo da gran expectación xerada. Dada a afluencia, organizáronse dous pases, o primeiro ás 19:30 horas e o segundo ás 21:00 horas, dirixidos tanto a nenos como a adultos.

Dentro, o percorrido non deixou indiferente a ninguén: bruxas, leprosos, carniceiros, mortos vivintes e mesmo motoserras fixeron tremer —e tamén rir— a todos os asistentes. “Foi impresionante, pasámolo xenial e tamén moito medo”, comentaban algúns participantes á saída.

somoscomarca_20251025_obarco_pabellonviejo_tuneldelterror_ccaobarco (10)

Un Samaín con espírito comercial 

Para acceder ao túnel, os asistentes tiñan que entregar un tícket de compra dun establecemento asociado ao CCA, realizado entre o 20 e o 25 de outubro, por un importe mínimo de 5 euros. Cada tícket daba dereito de acceso a un adulto e un neno (menor de 12 anos). Aqueles que non o tiñan podían adquirir a entrada directamente por 5 euros por persoa.

somoscomarca_20251025_obarco_pabellonviejo_tuneldelterror_ccaobarco (7)

Os fondos recadados a través da venda de entradas destinaranse a un sorteo de vales de compra durante a campaña de Nadal, fomentando así o consumo no comercio local.

 

O túnel do terror enche de sustos e diversión o Samaín do CCA O Barco