miércoles. 04.06.2025

Ángeles Goás volve por terceira vez ao Barco con "As fames contadas"

A narradora oral actuará mañá martes ás 20:30 horas nos Xardíns da Casa Grande de Viloira dentro do XII Ciclo De Perto. «Será un espectáculo reivindicativo e que conecta emocións»
angelesgoas_deperto
angelesgoas_deperto

Mañá martes día 23 de xullo ás 20:30 horas os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollen o espectáculo "As fames contadas" dentro do XII Ciclo De Perto. Falamos coa narradora oral Ángeles Goás sobre o que provoca esta narración oral e sobre o espectáculo que a traerá por terceira vez ao Barco.

SOMOS COMARCA: Que podemos atoparnos con "As fames contadas"?

ÁNGELES GOÁS: Unha narración de contos e historias de vida que xiran un pouquiño en torno ao tema da fame, pero non só da de comer. As persoas somos moito máis complicadas e temos tamén fame de xustiza, de liberdade, de esperanza, de xogar... É algo reivindicativo e que toca emocións.

SC: Que é para ti a narración oral?

ÁG: Para min vai moi ligada á vida porque paso moito tempo escoitando a otras persoas para poder despois contar. Tamén son mestra e iso tamén está moi ligado. Penso que tamén está conectado coas vidas de todos, con recordos de persoas que xa non están, por exemplo. 

SC: A túa historia con este mundo ata onde se remonta?

ÁG: Comecei a contar hai case 30 anos, deixeino por cousas da vida e retomeino no 2014. Ao mesmo tempo que o retomei cambiei a miña forma de contar, antes contaba moito conto literario e agora estou máis centrada nas historias de vida, anécdotas ou tradición oral. 

SC: Que é o que máis che gusta dela?

ÁG: Unha cousa que me encanta da narración é contar para o público. Que haxa xente que escoite as historias, as agradeza ou que se achegue alguén e me conte algo relacionado co que eu contei. Tiras dun fío e saen mil historias. 

SC: Esta é a túa terceira vez actuando no Barco.

ÁG: A primeira vez foi co "Medo é libre", a segunda foi con "Divas de diván" e agora nesta terceira coas "Fames contadas". Este público é extraordinario, sempre foi marabilloso e de seguro que nesta ocasión será igual. 

A entrevista completa está dispoñible neste enlace de audio:

Ángeles Goás volve por terceira vez ao Barco con "As fames contadas"