
Mañá martes día 9 de xullo ás 20:30 horas os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollen o espectáculo "De ida e volta" dentro do XII Ciclo De Perto. Cris de Caldas, galega e branca como a leite, e Amor Herrera, cubana e negra como o café, traen esta función ao Barco no que buscan «rememorar o pasado a través de historias de migracións».
Falamos coa narradora oral Cris de Caldas sobre o xurdimento deste espectáculo, a importancia de potenciar o recordo e os seus inicios neste mundo do «conto».
SOMOS COMARCA: Que podemos atoparnos en "De ida e volta"?
CRIS DE CALDAS: Alédome de que me fagas esta pregunta porque este espectáculo é multidisciplinar e multitemático. O fío condutor é a memoria e as persoas que teñen que emigrar. Partimos de feitos históricos e historias de vida que vinculan Galicia con Cuba pero ten universalidade. Pon de manifesto algúns problemas, cuestións e razóns polas que se ten que emigrar, que son iguais antes que agora. Por iso tamén o título.
SC: Esta é a túa primeira vez no Barco pero non virás soa.
CC: Somos En branca e negra, e vou acompañada cunha música cubana, Amor Herrera, que pon ese aporte musical con cancións. As dúas somos corazón. Hai unha temática tamén de racismo co foco nas mulleres.
SC: Neste espectáculo hai historias de loita?
CC: En todas as miñas funcións hai reivindicación e aquí hai moita. Falamos da migración e as mulleres, do esquecemento —co pobo que é migrante, da vida cultural de Cuba, ou feitos históricos—, tamén falamos dos dereitos das persoas LGTBIQ+, e é un traballo de memoria. Aínda que a temática é dura, o espectáculo é amable. Hai moita emoción pero tamén humor e música. Queremos que sexa un espectáculo para ver e para recordar. Este espectáculo é para quen teña oído para escoitar e corazón para emocionarse.
SC: Cantos anos levades con esta función?
CC: Eu levo 10 anos como contadora profesional e con este espectáculo levamos un. Presentouse no Festival Atlántica, en Mugardos, porque tamén nos gusta moito levalo ás zonas de costa porque esta realidade está alí moi viva. Comprobamos que funciona porque a xente conecta coas historias que se contan porque, que familia en Galicia non ten alguén fóra?
SC: Na túa historia persoal, por que iniciaches o teu camiño na narración profesional hai 10 anos?
CC: Foi como tantas outras cousas na vida. Sen buscalo e por casualidade. O conto e a narración é algo que estaba na miña vida pero eu non reparara niso. Son moi lectora, gústanme moito as historias e o conto sempre estivo presente nos meus traballos —monitora, profesora, etc—.
Logo pasoume algo na miña vida que marcou un antes e un despois e foi nese momento de crise persoal cando decidín lanzarme con todo o que implica. Estou moi contenta e moi satisfeita. Permíteme contar cousas que a min me apetece comunicar, e cando ves que as persoas conectan é fermoso e, se me apuras, necesario.
A entrevista completa está neste enlace de audio: