lunes. 07.07.2025

Tomar a iniciativa na vida municipal e implicar á mocidade, obxectivos do novo presidente da xunta local do PP de Manzaneda

Os compromisarios asistentes ao congreso do Partido Popular de Manzaneda elixiron  por unanimidade a Salvador Fernández Cardoso (Esgos, 1960) como novo presidente da xunta local deste municipio. Fernández Cardoso, portavoz do grupo municipal popular, asume por vez primeira a representación do partido en Manzaneda e ten entre os seus principais obxectivos recuperar a alcaldía e implicar aos máis mozos na vida municipal.

 

Na súa intervención, xa como presidente, Salvador Fernández afirmou que “logo de oito anos de estancamento do concello compre tomar a iniciativa para revitalizar o noso municipio, ofrecer mellores servizos aos nosos veciños e mellorar os accesos aos núcleos de poboación”, sen esquecer unha aposta en firme “pola promoción turística de Manzaneda, pero baseada nun turismo de calidade”.

 

O presidente da xunta local estará acompañado nesta nova etapa por un equipo no que a renovación alcanza á práctica totalidade dos seus membros, “xente nova –dixo- para que tome a iniciativa e se implique na vida municipal, animando a participar a máis afiliados e simpatizantes na actividade do partido”.

 

Na clausura do congreso, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, puxo en valor as palabras de Fernández Cardoso ao subliñar que “os obxectivos que ven de marcar o voso presidente local son precisamente os principais retos que temos os populares ourensáns, que non son outros que superar o número de 66 gobernos municipais do PP que temos na actualidade e proseguir coa renovación dun partido que quere incorporar aos mozos á vida política”. Unha iniciativa, esta última engadiu, “que estamos a ver noutras xuntas locais e que nos vai permitir contar con xente que traerá ideas novas e gañas de traballar para mellorar a provincia”.

Para Manuel Baltar, os congresos locais que se están a celebrar pola provincia constitúen “o mellor exemplo do que estamos a dicir, pois serven para revitalizar a organización e maila actividade da nosa formación, chamando á mobilización das persoas que son coa súa implicación ás que fan partido”. 

Tomar a iniciativa na vida municipal e implicar á mocidade, obxectivos do novo...