sábado. 20.04.2024
somoscomarca_entroido_trini_mazcara_manzaneda_2023 (4)
«A muller tamén logrou facerse o seu espazo no Entroido»

Para Trini Yáñez, de Trabazos (Manzaneda), non é nin por asomo o primeiro Entroido que se viste de mázcara. «Levo doce anos, e non comecei dende nena porque no meu pobo xa se perdera o folión facía anos e namiña familia tampouco había ese arraigo», recoñece.

somoscomarca_entroido_trini_mazcara_manzaneda_2023 (1)
Na presentación do Entroido 2023, en Vilariño de Conso

Nin con esas perdeu a ilusión por ser partícipe desta tradición ancestral. «En canto fun maior de idade e tiven carné de conducir para desprazarme ás aldeas onde había folión, alí me metín», asegura.

Entroido de Manzaneda no 2020

As mulleres cobran cada vez máis protagonismo

Mentres o número de persoas nas aldeas descende a muller cada vez é máis protagonista, asegura a de Trabazos.

Dende o seu punto de vista, na actualidade observa que as mulleres están igual por igual que os homes formando parte do Entroido. «É un avance, xa que o seu papel era activo, pero máis de confección de traxes ou labores parecidas», explica Yáñez.

somoscomarca_entroido_trini_mazcara_manzaneda_2023 (3)
Co alcalde de Manzaneda na presentación do Entroido

Ademais, o feito de que as mulleres puideran vestirse de mázcaras asegura que tivo lugar vai pouco tempo, pero «como se vai avanzando en moitas cousas na sociedade, aquí a muller tamén logrou facerse o seu espazo».

Por outra banda, cómpre resaltar que o despoboamento do rural tamén xoga un papel moi importante nas tradicións. «Cada vez menos persoas nas aldeas, e por conseguinte, menos persoas que se podan vestir ou ir no folión», explica. Con todo, as compañeiras “sempre contribuímos e non ía ser menos neste caso».

Porén, esta mázcara de Trabazos (Manzaneda) subliña que «no meu caso os homes sempre me axudaron, ensináronme a bailar...Non había moitas mulleres que me puideran dar consello nestes temas». Neste senso, defende que os homes da contorna de Manzaneda estiveron á altura e «sempre nos animaron».

Vídeo da Foliada da Mourela pra acá onde Trini tamén bailou co resto de mázcaras da contorna.

En Manzaneda as mázcaras non corren, bailan

Así, o Entroido en Manzaneda, asegura, é algo especial. As mázcaras que preceden ao folión non corren, bailan; e por iso, o ritmo do folión é indispensable para que poidan saír. Trini Yáñez explica que «hai que acompasar o son das chocas ao do folión».

Ademais, cada fin de semana visítase unha aldea e os foráneos que chegan, en verso, piden «o permiso» para pasar co folión. Os veciños da propia aldea estanos esperando, e «sempre se fan alegacións, ou se meten as persoas de fóra cos veciños da aldea..». Porén, «obviamente sempre se concede ese permiso».

As alegacións xeralmente consisten na petición en verso, pero ás veces, se hai moita confianza entre as mocidades foráneas e da aldea, «sempre se pode facer coma un pique, esa retranca do Entroido». E, é que, que sería desta celebración sen un pouco de retranca?

No seguinte vídeo está a conversa que mativo Somos Comarca con Trini en Vilariño de Conso:

«A muller tamén logrou facerse o seu espazo no Entroido»