Fai unhas tres semanas, Mario Yáñez, veciño de Larouco que paseaba por Cabeza Vella descubría un lagar romano. Non era o primeiro que atopaba pero o anterior era de menor tamaño. «Atopei o da miña viña e empecei a dar unha volta polo monte e fixeime neste reborde, deime conta que estaba á beira doutro lagar impresionante», afirmaba.
«Os lagares tiñan cerámica dentro, entón dinos que desde a época romana non se utilizan. Sabemos que son primitivos, era de prensar co pé porque non hai marca ao redor. Todos os restos servían para abonar as viñas, facían o mosto e o levaban», explicaba José Fernández, presidente da sección arqueolóxica do IEV, ao lembrar que se estima que é desa época debido a que «a finais do século IV, principios do V facía falta o viño e o pan para misar».
Esta riqueza —Lagar das Penelas— será sinalizada e incluída na Ruta Romana do Viño para que os visitantes poidan gozar dos xacementos que acolle o municipio. «A ruta pasaba por aquí, imos sinalizar os xacementos e todo o interese cultural que temos; as igrexas, os lagares, o Castrillón…Toda a Ruta Romana do Viño engloba todos os restos arqueolóxicos», destacaba a alcaldesa do concello, Patricia Lamela.
Trátase dun roteiro circular que ten como punto de partida a igrexa do concello, pero conta cun ramal que leva aos andarins ata O Castrillón, pero deben dar volta e enlazar cos lagares. «Sobes por Cabeza Vella e baixas a Freixido; ao palomar, a cabeza grande de Freixido. Imos poñer en valor cinco covas que aínda non están óptimas para visitar en Freixido, e baixamos pola aula da Natureza. Despois sóbese polo Canal do Mondón ata Seadur, desde alí sóbese a Falcoeira e volve baixar á igrexa», comentaba a alcaldesa.
José Fernández non quixo perder a oportunidade para lembrar que quen descubriu o Canal do Mondón foi o topógrafo da Rúa, Paco Delgado, no ano 1977. «Foi o que topografiou a traída da auga e viu por unha canle romana. Foi ata Portomourisco e A Portela sen traballo ningún, o trazado da canle estaba todo feito», concluía.