domingo. 19.04.2026

Paisaxe e historia nunha ruta polas Terras de Larouco onde o viño e as covas tamén foron protagonistas

Un percorrido polo castro do Castrillón e as covas de Seadur combina natureza, cultura, viño e sostibilidade nunha experiencia singular para visitantes chegados dende varios puntos de Galicia
somoscomarca_20261904_seadur_rutasquerexeneran (2)

Non se trata de simples roteiros, senon de percorridos que teñen carácter propio. As “Rutas que Rexeneran” do xeodestino Trevinca-Valdeorras apostan por propostas que van máis aló do sendeirismo coma deporte. Unen paisaxe, patrimonio, gastronomía e respecto polo medio para converter cada traxecto nunha experiencia auténtica.

Unha destas propostas desenvolveuse ao longo desta mañá cun percorrido que levou ás persoas participantes ata o castro do Castrillón, no concello de Larouco. Dende alí, a ruta continuou entre viñedos ata rematar en Seadur, nun traxecto de dificultade media-baixa, onde os viñedos e as covas foron protagonistas.

somoscomarca_20261904_seadur_rutasquerexeneran (3)

A saída tivo lugar ás 9.30 horas desde a praza do Concello do Barco de Valdeorras, cun grupo de 13 persoas chegadas de distintos puntos de Galicia como Santiago, O Porriño, Moaña, Tui, O Barco e Larouco. Para algunhas delas, era a primeira vez na zona, e a impresión non puido ser máis positiva.

«Non coñeciamos nada e imos encantadas», sinalaban dúas participantes chegadas do Porriño e Tui, sorprendidas especialmente pola riqueza vitivinícola da comarca. «É moi bonito, e o viño é riquísimo», engadían, destacando tamén a espectacularidade das vistas desde o Castro, onde se pode contemplar os ríos Bibei e Xares e unha ampla panorámica da contorna.

somoscomarca_20261904_seadur_rutasquerexeneran (5)

O traxecto, estivo marcado polo paso entre viñedos e paisaxes que conduciron ata Seadur, cunha parada moi especial: a Bodeguilla, unha adega tradicional cedida polo seu propietario para a ocasión.

Este espazo, parcialmente escavado na rocha, amosa a arquitectura típica da zona, pensada para manter o viño en condicións óptimas durante todo o ano. “Aquí era onde se facía e se conservaba o viño antes, todo estaba cheo de cubas”, explicaron durante a visita, destacando a singularidade destas construcións.

somoscomarca_20261904_seadur_rutasquerexeneran (1)

A xornada rematou con petiscos acompañados de viños da zona, como o godello e a mencía, que puxeron o broche final a unha experiencia moi valorada polos participantes. Todos coincidiron en salientar a beleza da paisaxe, a riqueza natural e cultural, e a boa organización dunha iniciativa que deixa pegada.

Paisaxe e historia nunha ruta polas Terras de Larouco onde o viño e as covas tamén...