viernes. 29.03.2024

A Real Academia Galega tomou esta decisión e apostou por Florencio na sesión plenaria do día de hoxe

A Real Academia Galega, RAG aprobou na súa sesión plenaria celebrada na mañá de hoxe, dedicar o Día dás Letras Galegas 2022 ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

O Pleno da institución acordou renderlle homenaxe ao autor de Córgomo, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora. A RAG non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea.

Cabe lembrar que, Florencio Delgado Gurriarán foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega no ano 1981 en recoñecemento ao seu labor como escritor e activista cultural dende a diáspora. Faleceu en 1987 aos 79 anos de idade cando se atopaba na casa dun dos seus fillos, en California.



As letras de Florencio, é unha iniciativa que xurdiu en Valdeorras fai case seis anos. Nela implicáronse todos os estractos da sociedade: concellos, partidos políticos, empresarios, centros educativos...co fin de que Delgado Gurriarán fose recoñecido en toda Galicia e o resto da península. Esta é a segunda vez que se presenta esta petición á RAG, sendo a primeira a levada a cabo polos veciños de Córgomo.

Sen dúbida, hoxe é un día de celebración para toda Valdeorras xa que hoxe a comarca ponse no mapa da cultura e as letras galegas, reivindicando a importancia deste recuncho para toda a poboación galega.



DEZ COUSAS DE VALDEORRAS (NO VRAN)

As vidras,
ledas mozas churrusqueiras
maquilladas de sulfato,
sorrinlle ao vento coquetas.

O vento,
baril mociño das festas,
mercóu, na tenda do souto,
seu perfume de candeas.

A fonte,
que chouta por antre as penas,
vén, ca súa cara lavada,
a ensaiar a muiñeira.

A cobra
quere poñerse morena
e toma baños de sol
por andar â «derradeira».

As nubens
enamoradas da serra,
andan a buscarlle as voltas
por ver de apalparlle as tetas.

O monte,
amallóa as chancas de pedra
côs amallós dos regatos
e ten que pôrse en crequenas.

O carro,
cô lombo cangado de herba,
ven, por amostrar os folgos,
cantando unha cantarena.

A vaca
côs dous puñaes da testa,
ao apuñelar a serán
faille feridas de estrelas.

A lúa
veu de «Cubita» a outra feira
e anda «botando la plata»
no café das carballeiras.

E as coitadiñas arrás
que a volta del rei anceian,
teimosas, pídenlle a Deus
o trunfo das suas arelas.

(De Bebedeira)

Débora Álvarez falaba en directo con Alejandro Lorenzo tras coñecer a resolución da Real Academoa Galega.


As Letras Galegas de 2022 adicaranse a Florencio Delgado Gurriarán