miércoles. 18.06.2025

Antonio Castro Voces fai un repaso da vida de Florencio Delgado Gurriarán

Somos Comarca estivo, como cada mes, con Antonio Castro Voces, valdeorrés licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Xeografía, Historia e Arte de Galicia. Aproveitou a súa visita para falar da vida de Florencio Delagado Gurriarán e contarnos a súa historia, non sen antes facer a súa reivindicación particular, pedindo o Día das Letras Galegas para o autor valdeorrés. Isto é o que nos contou Castro Voces:

“Coincidindo que estamos xa en plena primavera e Florencio é o gran escritor sobre as viñas e os viñedos, sobre o viño e a paisaxe de Valdeorras, e como en primavera esa paisaxe alcanza a súa máxima expresión, pois imos falar deste autor.

Florencio naceu no ano 1903, un 27 de agosto. Era fillo de Don Florencio e Dona Consuelo, e o menor de cinco irmáns: Lucio, Consuelo, Rocío, Edmundo e Florencio. De moi pequeno marchou de Córgomo cos seus pais, e estivo en Ourense, Palencia e Valladolid, onde estudou a carreira de dereito. Pero a súa ilusión sempre foi volver a Córgomo, e volveu no ano 1928, cando xa tiña 25 anos de idade. Viviu aquí ata o ano 1936. Nese período de tempo, integrouse plenamente na vida social, cultural e política de Córgomo e de Valdeorras. Foi fundador do partido galeguista e participou en cantas actividades culturais e sociais había na comarca. No ano 36, como consecuencia da Guerra Civil, ten que marcharse ao exilio. O delito que cometeu foi, sinxelamente, non comulgar coas ideas dos que deron o golpe de estado e se impuxeron pola forza.

No ano 1939 marcha a México e instálase na capital. Cando chegou alá fixo ese chamamento famoso: “Manda carallo ónde viñemos dar, a 1.775 metros sobre o nivel do mar”.

Alí intégrase plenamente na comunidade galega e participa tamén en actividades culturais e sociais. Funda varias revistas, como Saudade, Vieiros... E gáñase a vida como pode. Foi vendedor de produtos farmacéuticos, de produtos de droguería...

No ano 1944 cásase con Celia, a súa muller, coa que ten 6 fillos. A súa añoranza foi sempre volver a Valdeorras. Sempre soñaba con volver aínda que, desgraciadamente, non o puido facer ata que no ano 1987, despois de falecer en California, traen os seus restos para ser enterrados no cemiterio parroquial de Córgomo.

Uns anos antes, no 82, noméano membro da Real Academia Galega, membro de mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses e foi pregoeiro das Festas do Cristo de O Barco.

Florencio estivo pouco tempo en Valdeorras. Morreu con 84 anos, e deses, só 15 pasou en Valdeorras. Foi en México onde desenvolveu a maior parte da súa obra literaria, xa que, entre outras cousas, aquí en España non era o momento máis adecuado para publicar. Escribiu varios libros, como Bebedeira, Cantarenas, O Soño do Vieiro ou Galicia Encinda; así como multitude de artigos en revistas especializadas e relacionadas co mundo da emigración.

Aínda que Florencio só viviu unha quinta parte da súa vida en Valdeorras, o ambiente, o carisma e o afecto da súa xente quedou gravado na súa memoria e plasmado na súa obra, aínda que a escribira ao outro lado do océano.

Rematarei dunha maneira reivindicativa, pedíndolle á Real Academia Galega que lle otorgue o día das Letras Galegas a este autor valdeorrés, para que recoñezan e poñan en valor a súa obra literaria. Ademais, eu creo que é o momento de que os concellos e asociacións culturais, como o Instituto de Estudos Valdeorreses, institúan un premio literario co nome de Florencio Delgado Gurriarán para novos escritores, poetas, nenos, xente maior.... que podería fallarse todos os anos o mesmo día e que tivera lugar en Córgomo, o pobo que o viu nacer”.

Antonio Castro Voces fai un repaso da vida de Florencio Delgado Gurriarán