jueves. 19.06.2025

Antonio Castro Voces: "Constatamos que xa no medievo existían viñedos en Valdeorras"

portada

Unha semana máis, Somos Comarca estivo con Antonio Castro Voces para falar dalgunhas historias da historia. Nesta ocasión, o licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, fálanos das primeiras referencias escritas que Valdeorras garda sobre a existencia dun dos produtos estrela desta comarca, como é o viño.

«Para saber da existencia de viñedos en Valdeorras debemos remontarnos á época romana. Nunha lápida que apareceu na Igrexa de Santurxo, en Millarouso, que está dedicada a Libero Patri, Padre Liberador, por parte de Vetio Felicio. Esta lápida, contén unha invocación ao deus Baco (deus do viño), o que nos demostra que xa nese momento había viñas en Valdeorras e esa ara era un agradecemento pola existencia delas.

Pero para as primeiras referencias escritas hai que esperar ata mediados do século X, no que si se encontraron grans de vagos de uva en Fontei.  Con todo, é no ano 940 cando se cita por primeira vez a existencia de viñas.»

«As noticias que nos chegan dende os mosteiros son as que mellor nos documentan sobre a historia da comarca. Malia que Valdeorras é unha comarca próspera e afortunada para a explotación das terras e das viñas, o curioso é que aquí non había presenza física de ningún gran mosteiro, como os que había na idade media nas comarcas circundantes, onde temos, por exemplo, o Mosteiro de Santa María de Carracedo, o de San Pedro de Montes, o de San Martín de Castañeda, en Sanabria...  Polo tanto, as noticias que temos máis fiábeis sobre a historia dos viñedos en Valdeorras chégannos a través destes cartularios.»

«A Denominación de Orixe Valdeorras é a segunda máis antiga de Galicia, pero é relativamente recente, xa que data do século XX. Pero a existencia e constatación do viñedo en Valdeorras xa a temos dende o medievo. Cabe resaltar que Valdeorras, a parte de ter avalada a súa produción por un Consello Regulador da Denominación de Orixe, ten toda unha cultura arredor do viño, as bodegas, e todo o mundo vitivinícola, xerando así unha gran importancia dende o punto de vista etnográfico, como son as covas e as rutas que en torno a elas se realizan. Sen embargo, e seguindo coa miña reivindicación, direi que non temos ningún museo onde poder ensinarlle aos visitantes a nosa cultura e a nosa historia. Un museo no que poder contar cómo se chegou a elaboración destes viños, ou ás técnicas que se utilizaron, xa que non ten nada que ver unha bodega actual co que foi unha bodega de fai 50 anos.»

Antonio Castro Voces: "Constatamos que xa no medievo existían viñedos en Valdeorras"