
Somos Comarca recibiu a visita de Ángel Fernández, que fixo un repaso sobre a vida de Florencio Delgado Gurriarán así coma da súa propia experiencia persoal co autor valdeorrés. Isto foi o que nos contou:
«Florencio Delgado Gurriarán naceu en Córgomo no ano 1903. Fixo a carreira de dereito na Universidade de Valladolid. Despois, como el di: “andei por Valdeorras facendo de avogado, atendín un pouquiño os bacelos da familia, prepareime para oposicións, andei un pouquiño de troula e cantei cantarelas cos meus amigos, namorei un pouquiño e compuxen tantiños poemas”.
En 1936, por mor da Guerra Civil, veuse obrigado a exiliarse. Así o relata el mesmo: “tiven primeiro que fuxir de Valdeorras, onde vivía en paz cos meus veciños. Valladolid, Zamora, Portugal e Francia. No mes de xullo de 1939 cheguei a México. Nesta nova España, miña segunda patria, formei o meu fogar”.
Alí casou con Celia Teixeiro e colaborou con todos os galegos da diáspora. Fundan o Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista, o Grupo Saudade, o Ateneo de Galicia, Nosa Xente, a Revista Saudade e Vieiros, das que Florencio foi codirector. Nestas actividades traballou xunto co cineasta Carlos Velo e o pintor Arturo Souta, merecedores todos da gratitude de Galicia. En expresión de Florencio: “Mira que manda carallo a ónde viñemos dar, a 2.285 metros sobre o nivel do mar”.
En 1934, cando exercía como avogado en O Barco, publicou o libro “Bebedeira”, na súa colección “Nós”, que é sen dúbida a súa obra mais coñecida.
En 1949 publica, xunto con Plácido Domínguez Castro e Lois Tobío Fernández, “Poesía Inglesa e Francesa vertida ao galego”, premiada no certame literario organizado pola Federación de Sociedades Galegas en 1946 e editado por Alborada, de Bos Aires.
En 1963 saíu, na colección Salnés, o libro “Galicia Infinda”, que mestura motivos mexicanos con lembranzas do seu país galego.
En México foi ben coñecida a súa andadura a prol da cultura galega. Foi galardoado coa placa de Galicia Emigrante e a medalla Eduardo Pondal.
Dende sempre foi profunda a miña admiración por Florencio Delgado Gurriarán, que foi o poeta que mellor soubo contar a nosa cultura. O primeiro coñecemento que tiven da súa obra foi coa publicación da revista “La semana vitivinícola 1951”, na que incluía dous dos seus poemas: “Boca Ribeira” e “Dez cousas de Valdeorras”. Tamén na revista “Valdeorras”, editada con motivo da III Feira Exposición Agropecuaria Industrial de Ourense, firmaba unha pequena reseña bibliográfica e o poema “Bebedeira”. Despois, foron chegando ás miñas mans os seus libros “Bebedeira”, “Poesía Inglesa e Francesa vertida ao galego”, “Galicia Infinda”...
A persoa que me deu a coñecer a personalidade de Florencio Delgado Gurriarán, foi o meu recordado amigo Xosé Gaioso Díaz, case un irmán de Florencio, compañeiro de xuventude.
A miña primeira relación con Florencio foi unha carta de 1979 dirixida a el, na que lle enviaba unha foto dunha conferencia pronunciada no IV Centenario da Fundación da Vila do Barco por Xosé Gaioso, na que falaba dos poetas valdeorreses: Florencio Delgado Gurriarán e Manuel Valcarce.
Florencio responde á miña carta o 15 de febreiro de 1979: “Agradézolle moito a foto que me envía e gardareina como unha entrañable embraza da miña querida terra”.
Na miña carta, pedíalle unha colaboración para os actos do IV Centenario, ao que me di: “xa lles contestei aceptando, e propóñolles algúns temas, como o castrapo, esa fala híbrida que tanto prexudica o galego como o castelán; ou as miñas lembranzas valdeorresas”. O final, o tema escollido foi “Cartas aos netos de Xoan Xirala”, que foi lido polo meu amigo Xosé Gaioso.
En maio de 1979 fúndase o Instituto de Estudos Valdeorreses, e acórdase o nomeamento de tres membros de mérito: Florencio Delgado Gurriarán, Lauro Olmo e Valentín Paz Andrade.
Tamén Xosé Gaioso propuxo á Real Academia Galega que Florencio Delgado Gurriarán fose nomeado Académico Correspondente por México.
Cando Florencio Delgado Gurriarán volve a Galicia toma parte de distintos actos: é pregoeiro das Festas do Cristo en 1981, entréganlle a medalla de Académico –coa presenza da directiva da Academia Galega e varios membros da Xunta-, presenta o libro “Cantarena”...
Durante a súa estancia en Valdeorras, tiven varias conversas con el. Gardo e conservo con agarimo varias cartas e postais enviadas dende México. Una delas, de 1982, dicía: “Preto do cabo desta miña grandísima viaxe a terra, as miñas saudades e lembranzas dela fánseme máis fortes cada día e tamén se fan máis grandes os dos amigos como vostede”.
A miña impresión persoal é que, ademais de gran poeta de Valdeorras, era un gran home. Un de tantos dos que lle tocou xogar e perder. Finou o 14 de maio de 1987 en California, e as súas cinzas acougan no cemiterio do seu Córgomo natal, onde son soterradas o día 12 de xullo de 1987, cando as trouxo a súa dona Celia Teixeiro e a súa filla Mari Carmen.
Valdeorras non debe esquecer a un dos bos e xenerosos. A mellor homenaxe sería a compra da súa casa de Córgomo para facer algo na súa honra».