
Aínda faltan uns meses para a súa publicación, pero os responsables da Guía Peñín acaban de difundir os datos máis relevantes da que será a súa Guía 2017 dos mellores viños de España. Tras catar máis de 11.500 mostras de viño de toda España, entre eles, 4.200 de viños de colleita, Valdeorras convírtese na denominación de orixe mellor valorada por Peñín en viños xoves, cunha puntuación media de 89,4 puntos. Supera así en viños do ano, á Ribeira Sacra, que acadou unha puntuación media de 88,78 puntos e ó Priorat, con 88,6 puntos de valoración media.
Os técnicos da Guía Peñín destacan que a do 2015 foi unha colleita moi calurosa e seca en case todo o territorio español. Isto facilitou unha boa madurez na uva e que os viños xoves presenten xa unha boa potencia e estrutura, o que os fai aptos para un rápido consumo.
Este primeiro posto no ranking de viños xoves non é o único no que destacará os viños de Valdeorras na edición 2017 da Guía Peñín. A Denominación de Orixe Valdeorras é a terceira mellor valorada en global pola Guía Peñín, cunha puntuación media de tódolos viños presnetados de 89,93 puntos. Diante dela estarían Priorat e Jerez, con 90,26 e 91,75 puntos respectivamente. As denominacións galegas Ribeira Sacra e Rías Baixas, ocupan o cuarto e quinto posto nesas valoracións medias.
Para o presidente do Consello Regulador valdeorrés, Francisco García, “as avaliacións de Peñín evidencian a gran calidade da uva na comarca e o bo facer dos nosos viticultores e bodegas”. Rodríguez reclacou que a Guía Peñín “é unha publicación de referencia no sector do viño a nivel nacional e, incluso, internacional” e que “son moitos os importadores que antes de decantarse por un viño comproban previamente a súa puntuación nesta guía”.
Convenio co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense
O Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras aprobou no seu último pleno, celebrado o mércores 10 de agosto, a sinatura dun convenio de colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. Este convenio implica que o Consello priorizará a contratación de profesionais adscritos ó Colexio para as labores de control de calidade e certificación que se requiren ó longo do ano. Segundo aclararon dende o Consello, esta prioridade estará suxeita sempre a un réxime de igualdade competitiva nas contratacións. Este convenio afectaría, entre outros, ó perfil profesional dos veedores que son contratados para as vendimas.
Este acordo de colaboración, unha vez aprobado no pleno, está en proceso de redacción definitiva, se ben non semella probable que esté vixente para a próxima vendima. A súa aprobación no pleno non foi unánime. Votaron en contra os vogais José Guitián e José Luis Garcia Pando, representantes das adegas, e abstívose o representante do Sindicato Labrego Galego.