jueves. 18.04.2024
portada

O Centro Comercial Aberto Barco presentou hoxe en rolda de prensa a campaña “Na procura de Carlos Casares” que organiza xunto cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos barquenses:  CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela.

Ao acto, acudiron a Presidenta e vicepresidenta do CCA, Sandra Moldes e Ángeles Rodríguez, así como os dinamizadores da lingua dos distintos centro. A campaña, que pon en valor a lingua galega e a figura e obra do homenaxeado deste ano, Carlos Casares, celebrarase entre os días 16 e 27 deste mes de maio. Nela colaboran 35 establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto. Cada un deles contará, no seu negocio, con dúas esferas que simulan laranxas –en honor á obra de Casares “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”.- e que terán escritos diferentes títulos de obras que forman parte da literatura galega.

A iniciativa consta de dúas partes. Unha primeira onde os máis pequenos, así como todo aquel que o desexe, poderá formar parte dun roteiro literario que consiste en encontrar, entre todas as laranxas distribuídas polos distintos establecementos, aquelas obras que formen parte da bibliografía de Carlos Casares. Terán que rexistrar as súas pesquisas nos folletos que encontrarán en todos os establecementos, para logo presentalos na sede do CCA e participar nun sorteo.

A segunda parte desta campaña realizarase a partires do vindeiro día 18 de maio. Os centros participantes guiarán ao alumnado na construción dun tendal xigante do que colgarán laranxas e galiñas azuis xigantes -recordando as obras de Casares- , que conterán frases bibliográficas e biográficas da vida de Carlos Casares, coa finalidade de divulgar a súa obra e a súa figura, así como de poñer en valor a lingua galega.

Este ano, como novidade, os rapaces do Manuel Respino, IES Cosme López e o CEIP de O Bolo tamén confeccionarán o tendal en A Rúa.

O Barco énchese de laranxas para promover a nosa lingua e homenaxear a Carlos Casares