
O IES Cosme López da Rúa interesado en acoller o primeiro FP dual de Valdeorras que impulsa o Consello Regulador
O Consello Regulador da D.O. Valdeorras promove a creación dun ciclo de Formación Profesional Dual na comarca, en concreto o superior de Técnico Especialista en Vitivinicultura. «Con esta finalidade establecemos contactos coa Consellería de Educación e mantivemos tamén unha primeira xuntanza cunha representación de adegas valdeorresas», sinala José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador.
«Esta modalidade de FP realízase en alternancia entre o centro educativo e a empresa e a súa finalidade é axudar aos alumnos a coñecer máis de preto o sector no que van traballar, con prácticas in situ nas empresas colaboradoras», informan desde o Consello.
Co obxectivo, precisamente, de buscar a colaboración das adegas e implicalas arredor desta iniciativa, o Consello Regulador vén de acoller nas súas instalacións unha reunión na que participaron técnicos da Consellería xunto a diferentes adegueiros da zona, que amosaron a súa disposición a formar parte do proxecto.
Nesta primeira xuntanza acadouse o número mínimo de empresas que se precisarían para activar a creación deste ciclo de FP Dual de dous cursos académicos de duración. Sería o primeiro de Valdeorras destas características e o segundo de Ourense.
Colaboración entre empresas e centro educativo
A FP Dual está a ser moi potenciada nos últimos tempos posto que cobre moi directamente as necesidades educativas arredor de sectores concretos na súa contorna xeográfica máis inmediata. De feito, trátase dunha modalidade de FP que se realiza en alternancia entre o centro educativo e a empresa, coa finalidade de axudar aos alumnos a coñecer máis de preto o sector no que encadrarán a súa actividade profesional.
Tal e como avanza García Pando, existe un centro público na comarca –o I.E.S Cosmé López, emprazado na Rúa de Valdeorras- interesado en acoller este ciclo para cuxo desenvolvemento se precisa establecer un convenio de colaboración entre a institución educativa e as empresas (adegas neste caso) nas que os alumnos realizarían a formación complemetaria. Precisamente, a súa xefa de Estudos participou tamén na xuntanza en nome da comunidade educativa do centro.
Fotos cedidas