
A asociación xuvenil Valdeorras Vive acaba de rematar con éxito un intercambio Erasmus+ que levou a temática do Camiño tan lonxe como a Estonia. En colaboración con asociacións de Italia, Bosnia e Herzegovina, Xeorxia e Estonia, un grupo de 27 mozos e mozas percorreron este itinerario cultural que atravesa o país báltico, dende a capital Tallin ata Pärnu, na costa do sur do país.
A iniciativa deste intercambio naceu de mozos de Estonia xunto a asociación valdeorresa, que despois de percorrer en anos anteriores o Camiño de Inverno con grupos de mozos interculturais, nesta ocasión quixeron traspasar fronteiras para levar a temática a máis de 3.000 quilómetros de Valdeorras.
"O Camiño Estonia forma parte dunha gran rede de Camiños a Santiago que existe por toda Europa, e é a proba de que o Camiño "comeza diante da porta da tua casa", así coma do interese que desperta en todo o mundo. É todo un orgullo ver como se valora e coñece como unha seña de identidade para os galegos", señalan dende Valdeorras Vive.
Durante esta experiencia, os participantes tiveron a oportunidade de mergullarse na historia e nas tradicións locais, percorrer Estonia a pé e asistir a obradoiros sobre a temática da peregrinaxe, a relación da mocidade coa natureza e a saude mental.
Este intercambio Erasmus+ contribuíu a fortalecer os lazos entre as asociacións participantes e brindou unha plataforma para o intercambio cultural e o diálogo entre a mocidade europea. Coma sempre, a experiencia está totalmente cuberta para os participantes (viaxe, aloxamento, manutención e actividades) grazas ao programa Erasmus+.