jueves. 28.03.2024
portada-somoscomarca-medicos-chuo-2023-03-24
A sección de radioloxía intervencionista do CHUO realiza a primeira crioablación percutanea dun tumor óseo

A sección de radioloxía vascular intervencionista do Hospital Universitario de Ourense realizou onte a primeira crioablación percutanea dun tumor oseo, innovadora técnica minimamente invasiva que permitiu destruir por conxelación, mediante a aplicación directa e precisa de frío, un osteoma osteoide tibial nunha rapaza de 14 anos.

O Universitario de Ourense, avalado como referente pola Sociedade Española de Radioloxía Vascular Intervencionista (SERVEI) para a formación de especialistas, posúe unha ampla experiencia na aplicación de técnicas de crioablación, que se comezaron a aplicar mediada a última década no noso país, e fai dos anos e medio aquí, sendo na actualidade o único hospital galego que a realiza e, a nivel estatal, o de maior número de procedementos realizados en tumores renais, uns 60 ao ano.

A de onte foi a primeira crioablación aplicada a un tumor óseo nunha paciente en idade pediátrica, que realizaba o equipo ourensán formado polos radiólogos Amad Abu-Suboh, José Manuel Fernández, Manuel Trillo e Pablo Gómez, e xunto a eles participou un dos referentes a nivel nacional, José Antonio Narváez, xefe clínico da sección de Radioloxía Músculo-esquelética do Servizo de Diagnóstico pola Imaxe do Hospital Universitario de Bellvitge (Barcelona).

O osteoma osteoide é un tumor óseo benigno pero doloroso, normalmente de pequeno tamaño e con limitada capacidade de crecemento. Aparecen normalmente nas extremidades inferiores, aínda que tamén poden facelo na columna vertebral. Desenvolvense na idade pediátrica, ou pouco despois, e na actualidade representan o 5% dos tumores óseos e o 11% dos tumores benignos de ósos, sendo un tumor de escasa frecuencia.

Técnica emerxente nos tumores óseos

A crioablación percutanea tumoral é unha técnica minimamente invasiva que permite eliminar o tumor a través dunha pequena incisión na pel (percutanea) pola que se introduce unha sonda no interior do tumor. Unha vez a sonda esta na localización desexada, aplícase no tecido tumoral gas Argón a baixísimas temperaturas, podese chegar ata os  -80 graos, o que destrúe o tumor por conxelación,  sen riscos para o tecido circundante e cunha altísima precisión, grazas ao seu guiado radiolóxico, neste caso mediante o novo tomógrafo espectral, co que a Xunta de Galicia ven de dotar ao Hospital Universitario de Ourense.

A crioablación ten un papel emerxente no tratamento das metástases óseas e os tumores óseos primarios como o osteoma osteoide. Esta técnica permite a destrucción por conxelación do tecido tumoral, mediante a aplicación con gran precisión de temperaturas tan baixas que provocan a morte celular.

Ao ser un procedemento minimamente invasivo, con tan só unha pequena incisión na pel, o tempo de recuperación é moito menor que o dunha cirurxía convencional. A maioría dos pacientes poden ser atendidos cun ingreso hospitalario curto que non supera as 48 horas. É o caso da xoven paciente intervida onte e que abandonou hoxe o hospital.

Pese a novidade das técnicas existe xa evidencia científica da súa indicación non só en tumores renais e óseos, senón tamén para o tratamento tumores de pulmón, de próstata, de mama e ata en tumores de partes brandas, en ocasións non só con intención curativa, se non como procedemento previo a unha cirurxía, diminuindo o volume do tumor, no que se coñece como tratamento  citorreductor.

Primeira “intervención” no novo TC espectral

O novo Tomógrafo Computerizado (TC) de tecnoloxía espectral, instalado o pasado mes de febreiro no Hospital Universitario é o último gran avance na imaxe diagnóstica, e supón pasar a imaxes en 4D con gran precisión e información funcional, un antes e un despois na capacidade diagnóstica da sanidade pública de Ourense, grazas a un investimento de 1.15 millóns de euros.

O TC espectral, con dobre fonte de enerxía, permite diferenciar os tecidos segundo a súa composición, o que amplifica as sutís diferenzas de densidade entre tecidos normais ou patolóxicos, facilitando a detección de pequenas lesións tumorais e a súa caracterización, o que supon un importante avance tanto no diagnóstico como no seguemento dos pacientes oncolóxicos.

Ademais das súas melloras en imaxe, a nova sala permite a realización de técnicas como a crioablación, facilitando non só o posicionamento do paciente, senón tamén o traballo do equipo asistencial para a realización de técnicas guiadas por imaxe, como a realizada onte. Ademais, a sección de radioloxía vascular intervencionista disporá este mesmo ano dunha nova sala con equipamento de última tecnoloxía.

A sección de radioloxía intervencionista do CHUO realiza a primeira crioablación...