Roi Domínguez: «Quixen debuxar con viño pola referencia a Valdeorras»

No contexto das xornadas Coñece Valdeorras, coñece a Florencio que se levaban a cabo o pasado fin de semana na comarca, inaugurábase na Casa Río Cigüeño unha exposición de sete debuxos feitos con viño valdeorrés, do artista Roi Domínguez. Un traballo sorprendente, no que se emplea a técnica da acuarela e mostra os resultados do traballo de experimentación do seu autor. «Xurdiu un pouco de casualidade, estaba experimentando con diferentes materiales e probei qué pasaría se debuxaba con viño, un material que fai referencia a Valdeorras», conta o artista.

Explica Roi Domínguez que a súa obra mostra unha perspectiva costumista e contemporánea de diferentes momentos festivos, tomando coma referencia imaxes e recortes de prensa. A idea do conxunto da obra que se expón é que «vaia a máis, que evolucione». De feito, o último debuxo da colección «non está rematado para que se vexa o proceso e a miña forma de traballar», explica.

Roi Domínguez é un artista multicisciplinar nacido no Barco. É graduado en Belas Artes pola facultade de Pontevedra e técnico superior en A.A Escultura pola EASD Pablo Picasso. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, formando parte do Grupo PRACE de Investigación.

A exposición cambiou de ubicación e agora pode verse na Casa Grande de Viloira, no Barco, onde permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de novembro.

Para escoitar a entrevista completa, na seguinte ligazón: