O novo episodio da serie de Florencio está tecido coas palabras de Aurelio Blanco Trincado

O novo episodio da serie de Florencio está tecido coas palabras de Aurelio Blanco Trincado
"O compromiso e a guerra" relata como Florencio Delgado Gurriarán inicia a súa actividade política como galeguista en Valdeorras e a entrada en contacto con intelectuais galeguistas como Otero Pedrayo ou Castelao

Tras o retrato máis íntimo e familiar do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 que centrou o primeiro capítulo de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, a serie web da Real Academia Galega afonda no novo episodio que estreou onte, 21 de abril, no activismo galeguista do poeta valdeorrés e nos anos da guerra civil.

O episodio que narra esta etapa vital do autor e da historia do s. XX pode verse xa en academia.gal e na canle de Youtube da institución. "O compromiso e a guerra" relata como Florencio Delgado Gurriarán inicia a súa actividade política como galeguista en Valdeorras, a entrada en contacto con intelectuais galeguistas como Otero Pedrayo ou Castelao e a militancia no Partido Galeguista. 

O episodio vaise tecendo coas palabras do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; Elva e Teresa Delgado, e Lucio Santalla, familiares do autor; o historiador e tamén familiar do homenaxeado Ricardo Gurriarán; e a xornalista Margarita Ledo Andión, o historiador Ramón Villares e o filólogo Xesús Alonso Montero, membros de número da Real Academia Galega.

A serie conta coa colaboración especial do actor valdeorrés Paco Campos, que interpreta poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Neste episodio recita "Home pequeno-fol de veneno", unha sátira sobre o ditador Francisco Franco publicada por primeira vez no ano 1938 en Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos e recollida despois no Cancioneiro da loita galega.

A narración audiovisual completarase con outros dous capítulos dedicados á poesía e á lingua do autor. A Real Academia Galega estreará cada xoves, ata a semana previa ao Día das Letras Galegas, un novo capítulo.

Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é unha produción da Real Academia Galega sobre o poeta e activista cultural realizada pola produtora Miramemira e con María Yáñez como guionista.

A serie desenvólvese co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, e conta tamén co apoio de particulares, arquivos e institucións que cederon materiais documentais como a Filmoteca de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pablo Iglesias, a Fundación Carlos Velo, o Instituto de Estudios Valdeorreses e as familias de Delgado Gurriarán ou de Guillermo Escrigas.