lunes. 16.06.2025

O Concello de O Barco ultima os preparativos para o Entroido 2017

portada

O Concello de O Barco aprobou o pasado xoves 9 de febreiro as bases que regularán as axudas ás comparsas participantes no Entroido 2017. Co fin de fomentar a participación, o Concello destinará un total de 5.000 euros para apoiar aos grupos que recorrerán as principais rúas da vila o vindeiro martes 28 de febreiro. O presuposto distribuirase en función do número de integrantes: para as comparsas de entre 10 e 20 persoas a axuda será de 150 euros; as formadas por entre 21 e 30 persoas, recibirán 200 euros, para as de entre 31 e 40 persoas, 250 euros, e para as comparsas de máis de 41 persoas recibirán 295 euros. O mínimo de persoas para acceder a axuda e de 10 por comparsa.

Para todo aquel que queira participar deberá inscribirse no rexistro do Concello (1º andar do edificio multiusos sito na Praza do Concello nº 1) antes do 24 de febreiro ás 12 horas.

Xa está lista, ademais, a programación do Entroido, que comeza o luns 27 coa festa infantil no pavillón vello a partires das 17.00 horas. Haberá inchables, atraccións infantís, karaoke e desfile infantil de disfraces.

O martes de carnaval, ás 17.30, terá lugar o xa tradicional desfile de comparsas e folións, que partirá da rúa Conde Fenosa, acompañados pola charanga Os imparables do Barco e a batucada Bate no Cobre de Vigo. O desfile rematará na praza Maior, onde esperará a disco móbil Boa Festa para comezar o baile.

O mércores de cinza, 1 de marzo, a partir das 19.30 terá lugar o Enterro da Sardiña, que poñerá fin ao Entroido 2017, amenizado cunha chourizada para todos.

Ademais, entre os días 23 e 28 terán lugar as XVIII Xornadas Gastronómicas do Entroido en varios restaurantes da vila, organizadas por AEVA e Centro Comercial Aberto en colaboración co Concello de O Barco.

Os locais participantes son: Pazo do Castro, Asador de Viloira, Casa Galaica, Pulpería el Dorado, Casa Ignacio, Mesón Asador Vila do Castro, Restaurante Fernando III Il Piaciere Gastrobar, San Mauro e Agarimo.

O Concello de O Barco ultima os preparativos para o Entroido 2017