viernes. 29.03.2024

O artista lucense, Miro Casabella, mostrará o seu repertorio musical nos Xardíns da Casa Grande de Viloira

Esta tarde o ciclo De Perto terá a súa penúltima actuación nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Miro Casabella realizará un concerto musical onde repasará os seus últimos traballos ca bagaxe dunha amplia experiencia sobre os escenarios de toda a península ibérica.

O seu debut musical aconteceu no ano 1967 em Barcelona, acompañando a cantantes da Nova Cançó Catalá. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta: Miro canta as súas cancións e Miro canta Cantigas de Escarnho e Mal Dizer.

O seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela, o 1 de decembro daquel mesmo ano. Porén, o feito de continuar vivindo en Barcelona afastouno da meirande parte das súas actividades, sendo a longo prazo un dos factores da disolución do mesmo.

No ano 1970 participou no I Festival da Canción Ibérica, xunto con Paco Ibáñez, Luís Cília, Xavier Ribalta, e José Afonso. Tamén nese mesmo ano tocou en París na Festa da Humanité, a festa do Partido Comunista de Francia, onde actuaron tamén figuras como Georges Moustaki, Paco Ibáñez ou Joan Baez.

A finais do ano 1974 o grupo Voces Ceibes decidiu finalizar o seu proxecto e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega onde, cunha perspectiva ampla, tiveron cabida múltiples artistas de distintos estilos.

Nos anos seguintes, Miro participou en multitude de concertos e festivais, en Galicia e en toda a Península Ibérica, ademais de colaborar musicando pezas de teatro en galego e discos de historias para rapaces.

O último traballo individual do cantor foio disco Orballo, do ano 2004, onde ademais de revisar algúns antigos temas, toca novamente a problemática social do pobo galego dende unha perspectiva contemporánea, cunha canción dedicada ao Prestige. Ese disco e o feito de seguir participando en concertos, convérteno no último representante de Voces Ceibes en activo, tras a morte de Suso Vaamonde e o abandono da carreira musical do resto dos seus formantes.

Miro Casabella protagonista esta tarde do ciclo De Perto