A Fundación Florencio Delgado Gurriarán e os concellos únense para impulsar a cultura en Valdeorras
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán asinou un convenio de colaboración cos concellos da Rúa, O Bolo e Petín, representados pola alcaldesa da Rúa, María González Albert; a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista; e o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez. A secretaria da Fundación, Elva Delgado, tamén estivo presente para formalizar o acordo, que se renovará cada ano.
Estes convenios adaptanse ás necesidades de cada concello e inclúen unha contribución económica proporcional ao número de habitantes, o que permitirá desenvolver actividades culturais en toda a comarca. Outros municipios, como O Barco, Vilamartín e Larouco, están a piques de sumarse ao proxecto, agardando a aprobación en pleno.
Por outra banda, a directora da Fundación, Débora Álvarez Moldes, reunirase esta semana co director xeral de Política Lingüística, Valentín García, para presentar a proposta de creación dun dicionario en liña do galego de Valdeorras, un proxecto que retoma o traballo iniciado polo propio Florencio Delgado Gurriarán e outros estudiosos. Esta iniciativa quere implicar a centros educativos, asociacións e residencias, e conta co apoio da Deputación de Ourense.