
Punto e final ao ano das Letras de Florencio. Este domingo, 18 de decembro, celebrábase o último acto presencial do ano do poeta de Córgomo. O Centro Cultural Avenida da Rúa acollía a preestrea do documental "Florencio na Terra" producida por SocialDocs e dirixida polo petinés Domingo D. Docampo.
A película, gravada en Valdeorras e México, conta ademais con secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio. Trátase dun achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A produción realizouse durante un ano e ofrécenos un relato diferente sobre o autor de Córgomo, con testemuños de persoas que viaxaron con el na viaxe en barco desde París ata México.

«Florencio é un símbolo, un representante de moitas máis vidas», asegura o director desta produción, Domingo D. Docampo, na presentación. «Non me apetecía ter a expertos analizando a obra de Florencio e decidímonos a crear secuencias de animación e montar unhas obras de teatro en Córgomo».
A súa estrea oficial será durante o 2023, e como se adiantaba no acto da Rúa, realizarase de forma simultánea en Madrid e Ciudad de México. A versión definitiva incluirá tamén recreacións con veciños de Córgomo, así como a voz do propio Florencio nunha entrevista que concedeu a Dores Plá.

Con este último acto ponse un punto e a parte ao ano de Florencio. Finalizan as letras do valdeorrés, pero non é o final do camiño, senón o inicio dun novo que arrinca en 2023 coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán.
