
O ciclo cine e literatura do OUFF, o Festival Internacional de Cine de Ourense, ten nesta edición 2022 un protagonista claro, Florencio Delgado Gurriarán. A vida e a obra do autor valdeorrés, homenaxeado nas Letras Galegas, estivo na pantalla do Teatro Principal Ourense onte este mércores 28 de setembro, na estrea do documental Florencio Delgado Gurriarán.
Do A ao Z, realizado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións co apoio da Deputación de Ourense. Tal e como describe o seu director, o documental é un percorrido pola vida e obra de Florencio, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, xunto con músicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo.

Nel aparecen, ademáis de familiares de Florencio en México, Ricardo Gurriarán, Fátima Delgado, Héctor Carajaville e Xesús A. Montero. Á estrea de onte a tarde acudiu unha representación do proxecto As Letras de Florencio, coa súa directora, Débora Álvarez, o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez e a concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta.

A gala máis participativa
Este xoves 29 de setembro remata o prazo para a presentación de obras para o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán e mentras o xurado delibera, xa se avanzan os preparativos da gala de entrega do premio, que este ano pretende ser moi participativa. Así, dende o proxecto As Letras de Florencio iníciase un percorrido polos centros de Primaria da comarca para traballar co alumnado conceptos sobre a lingua galega presentes na poesía de Florencio. Despois será ese alumnado o que constrúa os lemas que estarán no recibidor do Teatro Lauro Olmo no photocall da gala.
