A ilusión de presentar unha obra teatral por primeira vez no Barco
A ilusión, os nervios e a emoción, son sensacións que vai vivir moi de cerca Fátima Delgado, —dramaturga, poeta e actriz—, presentando por primeira vez unha obra teatral súa na vila que a viu crecer, no Barco de Valdeorras.
«Faime moita ilusión poder estar no Teatro da miña vila, na vila na que nacín, presentando unha obra escrita por min. Ademais que ten moita cousa de Ourense, do Entroido e das miñas raíces», conta emocionada Delgado.
Aínda que hai que sinalar que a dramaturga non é a primeira vez que expón traballos no Barco, pero nunca foron teatrais, «normalmente viña por narración oral ou poesía», engade.
En esta ocasión, presentará Run Baby Run. «Comecei a investigar en 2017, aínda que non é teatro documental está enmarcada dentro do mundo do atletismo, nun caso de discriminación dun atleta, entón tiven que documentarme moito», explica a dramaturga.
Despois de este proceso, pasaron varios anos ata que puido comezar a escribila. E non foi ata o ano 2023 que as salas de teatro puideron escoitar cada unha das liñas que Delgado tiña preparadas nesta obra.
Agora chega ao Barco da man da programación da Festa do Botelo, da que inda por riba é a presentadora. «Para min vai ser unha fin de semana moi especial, o venres no teatro as 21:00h e o sábado no mesmo sitio pero xa con outro papel», conta con entusiasmo.
Delgado quere tamén agradecer «pola confianza da Consellería de Cultura do Barco». Xa que esta é unha aposta por programar teatro en galego e feminista. «A verdade e que estamos moi contentas dentro do equipo e tamén a nivel profesional. A obra é completamente en galego, de feito, cando estreemos en Madrid, vai haber escenas sen traducir», explica Fátima Delgado.
Para poder acceder o Teatro a entrada terá un valor de 5€. Para aquelas persoas que interesadas na venda anticipada poderán facelo na tenda Ton y Son ou desde unha hora antes na billeteira do teatro.
O equipo de Run Baby Run
A directora, Jana Pachecho, é madrileña. «De feito a obra é unha coprodución co Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus». O proceso dividise entre Madrid e Galicia.
O elenco está conformado por: Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez. «Algo característico é que cada unha das actrices é dunha das catro provincias galegas. Así que está representada toda Galicia».