viernes. 29.03.2024

O VI Ciclo De Perto continuará a súa andadura mañá martes día 26 de xuño cunha nova actuación, a de María da Pontragha, na mesma ubicación que xa o fixo a poeta Olga Novo o pasado venres, na Praza do Sagrado do Barco, a partires das 22:30 horas. Calificada coma unha contadora de contos da xente da terra, pola súa implicación coa tradición oral a través da música e da palabra, a educadora participará coa súa obra que leva por título Contos do que non hai.

Ten participado Pontragha en diferentes Xornadas de Oralidade, no Museo do Povo Galego e na Universidade de Deusto e de Vitoria. Os seus contos foron escoitados en bibliotecas, centros de ensino, festas, locais sociais, etc. Estivo no Salón do Libro de Pontevedra, no Verbum, e en Atlántica, o festival de narración oral de Compostela.

Case 10 anos de experiencia contando contos para público infantil, xuvenil, e adulto, chega unha nova proposta dende a Concellaría de Cultura do Concello do Barco para os amantes da literatura galega en tódalas súas versións.

Seguirán a María da Pontragha nomes como Juan Carlos Mestre, Ángeles Goás, Ana Sofía Paiva e Quico Cadaval, ou Marcos Rodríguez Pantoja, o neno lobo de Sierra Morena. A nota musical do evento a porán as actuacións de Tanxugueiras e Uxía.

Unha experta contadora de contos tradicionais, no De Perto