
Tralo ano de parón pola pandemia, o Encontro de Poetas de Valdeorras retoma a súa cita anual cambiando a súa ubicación habitual na zona da Coroa, na Rúa, ata Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras. Será este sábado, 12 de marzo, cando a décimo terceira edición reuna a poetas de toda Galicia.
Rosa Rei, organizadora do encontro, asegura que é o ano indicado para iniciar a itinerancia do evento, que sempre estará nunha zona de videiras, comenzando polo viñedo que tanto inspirou a Florencio.
Ademais de poetas con experiencia tamén haberá espazo para a mocidade que se estrea nas letras. Así, este será o terceiro ano no que participe alumnado do IES Cosme López da Rúa, que leva un tempo estudando a obra de Florencio e poderán recitar poemas propios inspirados nel.
O evento comeza ás 16.30 na Praza da Aira da Cruz e tralos recitados trasladaránse ao espazo de arte CondeyTorino, no propio Córgomo, para un concerto de piano e voz a cargo de Chiruca e Mauro.
Este Encontro de Poetas leva celebrándose dende 2007 e polo seu décimo aniversario editou unha compilación de poemas, crónicas e fotografías. A última vez que se reuniron foi precisamente en marzo de 2020, polo que se anticipa unha edición moi emotiva polo que significa de poñer un punto e aparte poético ao tempo de aillamento.
Para este regreso contan coa colaboración do Concello de Vilamartín e mais o apoio de As letras de Florencio.