sábado. 20.04.2024
somoscomarca_obarco_concierto_asletrasdeflorencio_sr.jungles_feiraco_2022 (10)
Un concerto de Sr. Jingles e un xogo para nenos pechas As Noites de Florencio

As Noites de Florencio botan o peche nesta última fin de semana de agosto e de novo con programa dobre, comezando o venres 26 ás 22.30 horas cun concerto de Sr Jingles na Aira das Guerras de Córgomo. A aldea natal de Florencio foi durante estes dous meses o epicentro cultural das Letras Galegas con contadas, humor, teatro e poesía.

E non so alí, xa que a programación cultural incluiu tamén poesía na Portela e Vilamartín, teatro en Arcos, cine en Valencia e Arnado, e finalizará cun xogo de pistas para todos os públicos en Cernego. En total, catorce citas culturais con más de vinte artistas e que foron posibles co apoio da Consellería de Cultura.

Poemas músicas e temas propios inéditos

«Musicar un poema é como pintar sobre un cadro, hai que escoller ben as cores para representar a esencia do que sentía o autor». Así describe Ramiro Núñez, compositor e intérprete de Sr Jingles, o proceso polo que conseguiu converter en música os versos de Valdeorras, Aí ven o maio ou Casoiro. Chegou a eles por encargo pero asegura sentirse moi identificado pola maneira na que Florencio representa a comarca.

«Se pensamos na época na que Florencio viviu en Valdeorras é facil imaxinala en branco e negro polas fotos antigas pero para mín estes versos están cheos de cor e quero que tamén a música recolla esa ledicia na paisaxe, nas estacións… por iso o ritmo áxil do pop lle encaixa tan ben» explica o músico barquense, quen recoñece que apenas coñecía a obra de Florencio antes de poñerse a facer versións dos poemas.

E non serán so esas cancións as que ofrecerá o venres en Córgomo xa que no seu repertorio incluirá temas do seu disco O grito Wilhelm e mais outras composicións inéditas que formarán parte dun novo album que gravará este inverno. No escenario acompañarrale o tamén músico David Quintas.

O ano de Florencio continúa

A última cita das Noites de Florencio adianta o seu horario para achegarse a tódolos públicos e farase na aldea de Cernego, onde ademais están de festas esta fin de semana. O sábado 27 de agosto ás 18.30 horas comezará unha actividade coordinada por Jorge Moral e Débora Álvarez e coa que pretende implicar á xuventude da vila para que tamén coñezan a vida e obra de seu veciño de Córgomo.

Atopa a Florencio é un xogo de pistas para todos os públicos para o que se conta coa colaboración da Asociación de Veciños, que mobilizará aos 18 nenos e nenas que hai na vila, se ben a participación está aberta a calquera que queira achegarse sen necesidade de inscripción previa.

Con esta actividade en Cernego péchase unha programación cultural pola que teñen pasado centos de persoas e axentes culturais da comarca, Santiago, Barcelona, Coruña, Vigo… pero non se pecha o ano de Florencio. As Letras Galegas seguen e o domingo 28 publicarase un novo capítulo de Florencio, o podcast que guioniza e produce o axitador cultural valdeorrés Jorge Moral. Como cada mes, o capítulo publicarase de forma simultánea na páxina asletrasdeflorencio.gal, nas redes sociais do proxecto e nas plataformas Spotify e Ivoox, onde se poden atopar todos os realizados ata o momento

Un concerto de Sr. Jingles e un xogo para nenos pecha As Noites de Florencio