lunes. 23.06.2025

Cochorro reencóntrase co Centro Cultural Marcos Valcárcel e coa madeira

 "A linguaxe de Cochorro escórase cara a unha corrente de formalismo sintético, onde sen prescindir absolutamente das referencias figurativas ao corpo humano, ás formas dos elementos naturais, plantas e animais, ou ao da propia paisaxe na que vive"
Exposición “Reencontro”.- O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participa na inauguración da exposición “Reencontro” do artista Cochorro. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. Tamén participa Francisco González Bouzán (Director do Centro Cultural "Marcos Valcarcel").
Cochorro reencóntrase co Centro Cultural Marcos Valcárcel e coa madeira

O escultor valdeorrés, Luis Fernández González, coñecido artísticamente como Cochorro, inaugurou a exposición "Reencontro" no Centro Cultural Marcos Valcárcel traendo ao espazo expositivo da Deputación as súas esculturas máis recentes dende a comarca de Valdeorras.  

Esta exposición supón o reencontro de Cochorro co Marcos Valcárcel -onde expuxo hai trece anos- e tamén coa madeira, un material que nos últimos anos fora deixando paso ás obras en pedra, basicamente  mármore de Biobra. 

A súa comarca, as paisaxes de Valdeorras e de Rubiá, os montes cheos de lousa e mesmo os grandes incendios do ano 2022 forman o corpus inspirador dos traballos deste escultor de longa traxectoria, que decidiu quedar apegado á terra e dende alí xerar un proxecto creativo moderno e innovador. 

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, puxo en valor na inauguración da mostra, a aposta da Deputación polos creadores locais para divulgar a súa capacidade artística. Pola súa banda, o artista agradeceu á Deputación o compromiso da institución provincial coa cultura e, en especial, cos artistas ourensáns. 

 "A linguaxe de Cochorro escórase cara a unha corrente de formalismo sintético, onde sen prescindir absolutamente das referencias figurativas ao corpo humano, ás formas dos elementos naturais, plantas e animais, ou ao da propia paisaxe na que vive, logra esquematizar xeometrías expresivas", sinala o crítico Fernando Ferro. 

Cochorro reencóntrase co Centro Cultural Marcos Valcárcel e coa madeira