
O Martes de Entroido é o día grande para moitos dos concellos da comarca. Disfraces, comparsas e folións tinguirán hoxe de cor e son as rúas valdeorresas, onde non pode faltar a fariña e a comida típica destas datas. Facemos un repaso polas principais citas deste Martes, 28 de febreiro.
En Vilariño de Conso o ás 19:00 horas será tempo da queima do lardeiro e a lardeira, que irá acompañada de bombos e gadañas para gozar do día grande de Entroido.
Xa o Mércores de Cinza, día 1 de marzo, o Vilariño de Conso poñerá fin a esta ancesetral tradición co Enterro da sardiña, que terá lugar ás 20:00 horas da tarde no Toural, seguido da sardiñada popular, que depedirá o Entroido ata o próximo ano.
En Viana do Bolo, o desfile de Fulións ata Cabo da Vila celébrase tamén o martes, para rematar coa Sesión Vermú a cargo dun grupo. Ás 16.00 horas Gran Fariñada e Fulións por toda a localidade. Ás 22.00 horas será a quenda da Cea de Fulións no pavillón e ás 00.00 horas, todos a ver a queima dos Lardeiros. Ademais, haberá tamén concurso de disfraces, discomóbil e baile.
O Mércores de Cinza, terá lugar, como non podía ser doutra maneira, o Enterro da Sardiña en Viana do Bolo, para despedir este Entroido 2017. Farase tamén un percorrido polas rúas ata o Cabo da Vila para rematar cunha gran sardiñada popular acompañada de torrexas.
En O Barco o Martes de Entroido, ás 17.30, terá lugar o xa tradicional desfile de comparsas e folións, que partirá da rúa Conde Fenosa, acompañados pola charanga Os imparables do Barco e a batucada Bate no Cobre de Vigo. O desfile rematará na praza Maior, onde espera a disco móbil Boa Festa para amenizar o baile.
O Mércores de Cinza a partir das 19.30 terá lugar o Enterro da Sardiña, poñendo fin ao Entroido 2017, amenizado cunha chourizada para todos.
Recordamos que o Martes de Entroido é o último día para degustar as Xornadas Gastronómicas do Entroido, que se celebran nos distintos establecementos de O Barco.
En A Rúa terá lugar o gran desfile de comparsas a partir das 16.30 horas, con saída dende a cooperativa.
E o Mércores de Cinza, cómo non, o Enterro da Sardiña. O velorio situarase no atrio de A Rúa Vella ás 20.00 horas e finalizará na Praza César Conti.
Na Pobra de Trives o martes, a partir das 5 da tarde terá lugar o desfile de comparsas e folións polas rúas da vila. Remata o día con chocolatada e pinchos para todos.
En Manzaneda o martes, día grande de Entroido, que comeza ás 11.30 co desfile de fulions pola vila de Manzaneda. Ás 14:00 horas terá lugar o Xantar Popular, cun menú composto por chourizo cocido, empanada, carne ao caldeiro, viño da zona e bica. Todo por un prezo 10 euros por persoa, sendo gratuito para os menores de 6 anos.
Desfile de comparsas e folións, tamén o martes en A Veiga, a partires das 11:30 da mañá, con saída dende o pavillón recorrendo as rúas da localidade. Pola tarde, a partir das 18:00 horas, chocolatada e queimada para todos e todas e entrega de premios. Para rematar con festa rachada ata que o corpo aguante.
Otorgaranse premios para: os tres mellores disfraces, o mellor disfraz infantil, ás lardeiras, e premio ao mellor disfraz masculino e feminino Xoves de Lardeira.
Ademais, nesta edición do Entroido 2017, A Veiga recuperará a figura do tradicional Charrelo, que recorre as casas da vila en busca de comida para logo compartila con todos os veciños.
Arredor das 14:30 horas celebrarase o xantar popular e a tradicional festa da Soá. Prezo do menú 12 euros.