
Este ano a comarca de Valdeorras, enteira, esta de celebración, grazas á loita e o empeño de todos os veciños e institucións que se puxeron de acordo para poñer en valor a obra e a figura do poeta de Córgomo Florencio Delgado Gurriarán. E, é que o recoñecemento da Real Academia Galega dedicándolle o Día das Letras Galegas, non é só para Delgado Gurriarán, é tamén para a lingua de Valdeorras, a comarca, as súas paisaxes e as súas xentes.
Unha mención na que tamén se viu implicada a familia Delgado Gurriarán, e que para a poeta e artista Fátima Delgado supuxo a creación dun novo espectáculo, unha narración oral baixo o nome ‘O tío Florencio’ e que pon en evidencia as historia da familia ao redor deste insigne personaxe.
A obra estreouse xa en Combarro, nun ciclo de vermuts literarios e tivo unha gran acollida por parte do público. “É unha narración oral escrita e interpretada por min e nela recupero os recordos e anécdotas que escoitei desde pequena”, sinala Delgado quen lembra que Florencio é o seu tío avó.
“A miña nai tivo unha relación epistolar e persoal con el e subliñou a importancia que el tivo non só para ela senón para min”, destaca a artista quen no espectáculo conta cun altar de defuntos mexicano.

Sinala Delgado a importancia que ten para a súa familia e para ela mesma este ano. “É un privilexio e un orgullo ser da súa familia porque sempre estivo moi presente”, destaca sinalando que lle admiran, non só pola súa vida senón pola súa loita e a súa historia.
Ademais, para ela como poeta e creadora, Delgado Gurriarán é un referente “Era un poeta con maiúscula polo seu dominio da lingua e da lírica. Está a ser un ano moi emotivo e alegre”, destaca.
Así, Florencio faise carne neste espectáculo que poderá verse este verán na comarca de Valdeorras.