Cancelada a novena edición de Córgomo Arte
Un escrito asinado pola comisaria da mostra e os organizadores, confirmaba a suspensión da cita artística
A sala Conde Torino de Córgomo, chegada a Ponte da Constitución, abría ás súas portas para amosar a arte baixo unha temática común. O vindeiro mes de decembro tería que celebrarse a novena edición pero, por mor da Covid, este ano a sala de Córgomo permanecerá pechada. Así o explicaba a nota firmada pola comisaria Silvia Fiallega Lorenzo e os organizadores Manuel Conde e Victorino Núñez, «Torino».
«O 2020 estanos confinando máis alá das paredes das nosas casas e Córgomo Arte non queda á marxe desta realidade. Desde a organización tiñamos posta a nosa ilusión en que o certame deste ano deixara un pouco de cor e ilusión para afrontar os incertos tempos que nos está tocando vivir, mais debido á actual situación sanitaria debida ó COVID e por responsabilidade social tomamos a difícil e dolorosa decisión de suspender a novena edición de Córgomo Arte, que coma cada decembro agardaba pola visita de todos vosoutros. A prioridade agora mesmo é coidarvos e coidármonos», explica a nota. Remata o escrito co desexo de que a mostra poda celebrarse en 2021. «Arte e saúde! Agardamos vervos en persoa o ano que vén con máis ganas e máis forza ca nunca! Namentres, apertas virtuais!», expresan.
Desde a organizacións instase a visitar as redes sociais de Córgomo Arte onde se irán achegando as novidades nas datas que tiña previsto celebrarse o evento —do 8 de decemcro ao 6 de xaneiro— .
O Alzheimer eixe temático
Na edición de 2019, Córgomo Arte 8 “Sinapses” reflexionouse sobre o mundo da arte, enfocándoo a súa dimensión máis social. Participaron 9 artistas de Lugo e Ourense e dez usuarios e usuarias de AFAN Burela —Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias—, sendo o Alzeimer o fío condutor.
Daquela a comisaria, Silvia Fiallega explicaba que: «A arte como forma de expresión é unha práctica empregada satisfactoriamente en terapias con enfermos de Alzheimer, porque lles facilita canles para a comunicación onde a palabra xa non chega».
Sinapses, tamén viaxou á Mariña de Lugo onde se puideron ver as obras na Casa da Cultura de Burela.