viernes 28/1/22

Case que un cento de espectadores acudiron o domingo, 2 de decembro, a ver ó grupo teatral Augas do Sil, da veciña localidade lucense de Ribas de Sil —San Clodio—, que representou no Centro Cultural Avenida da Rúa a obra «Un día nas portas do ceo».

Unha comedia recomendada para público familiar, na que se contou a historia dos que chegan a porta do ceo e San Pedro como porteiro e o arcanxo Gabriel actuando como axudante, deciden quen ten que ir ao paraíso eterno e quen ao ardente inferno.

A indisposición dun dos actores de Augas do Sil, fixo que Moncho de A Ruada, tivese que saír á escena —interpretou o papel do borracho que finou nun accidente— sendo aclamado polo público que se atopaba na sala.

Foi a terceira sesión destas IX Xornadas de Teatro da Rúa, memorial Tito Macías, que se prolongarán até o vindeiro 30 de decembro. O próximo sábado tamén ás 6 da tarde no Centro Cultural Avenida, será tempo para monólogos. Mari Calvo acompañada por Moncho e Manolo de A Ruada, serán os encargados de facer chegar aos espectadores os discursos.

Augas do Sil representou na Rúa «Un día nas portas do ceo»