
Dende as 15.00 horas de hoxe poderase solicitar cita a través da páxina web ou da aplicación Sergas Móbil
A Consellería de Sanidade vai abrir a autocita para todas as persoas que, por diferentes motivos, non foron vacinadas. Así o anunciou esta mañá o conselleiro Julio García Comesaña.
Dende as 15.00 horas de hoxe venres, poderanse solicitar xa as citas para a semana vindeira, tanto a través da páxina web como da aplicación Sergas Móbil. Os primeiros ocos dispoñibles serán para a mocidade entre 12 e 19 anos, con 15.000 citas habilitadas para o luns día 30 e outras 10.000 para o martes 31. O venres, vacinarase a poboación de maiores de 20 anos, tantas persoas como sexa posible en función das doses que se reciban. A partires de aí, a autocita é aberta para toda a poboación.
Neste sentido, o conselleiro de Sanidade anuncio que agora mesmo estase a traballar na replanificación da programación de vacinación da vindeira semana, logo de que esta mesma mañá o Ministerio confirmara que Galicia vai recibir só o 30% das doses de Moderna comprometidas para recibir o luns. Concretamente esta semana chegarán tan só 22.000 doses, no lugar das 70.000 previstas.