sábado. 20.04.2024

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 567, deles 63 son da área de Ourense

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 567, deles 152 son da área da Coruña, 46 da de Lugo, 63 da de Ourense, 83 da de Pontevedra, 108 da área de Vigo, 94 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.



Do total de pacientes positivos, 19 permanecen en UCI, 137 están en unidades de hospitalización e 411 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 5 altas de pacientes e 6 falecementos. O último falecido foi un varón de 89 anos, con múltiples patoloxías complexas previas, que estaba ingresado no Hospital de Monforte.

061 para casos graves e emerxencias

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Rexístrase o sexto falecemento por coronavirus en Galicia