viernes. 29.03.2024

Do total de casos positivos, 9 permanecen en UCI, 52 están en unidades de hospitalización e 224 no domicilio

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 285, deles 84 son da área da Coruña, 26 da de Lugo, 32 da de Ourense, 37 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 50 da de Santiago, e 7 da de Ferrol.



Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI, 52 están en unidades de hospitalización e 224 no domicilio. Polo de agora en Galicia, rexistráronse 4 altas de pacientes e 3 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.099.

061 para casos graves e emerxencias

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Galicia rexistra 285 casos de coronavirus, 32 en Ourense