
«Somos vítimas da administración e da ambigüidade, o que está claro é que ten que imperar o sentido común »
Estamos na fase 1 da desescalada, o que nos permite movernos na mesma provincia, pero non saír dela. Entón, como facemos para ir a Ourense? Pola N-120 non se podería, xa que nada máis abandonar A Rúa estaríamos na provincia de Lugo, e non volvemos á de Ourense até pasar Os Peares. A solución máis fácil de pensar é pola OU-636, é dicir, por Trives. Pero tampouco. E, sabes por que? Porque tamén pasas por Lugo.
Si, por raro que pareza, é así. Se vas a Ourense pola Pobra de Trives, na OU-636 hai un tramo nos «Codos de Larouco» que pertence á provincia de Lugo. Exactamente o comprendido entre os quilómetros 12 e 8, isto é, indo cara Trives desde o cartel da Ruta do Viño de Valdeorras até a Ponte Bibei.
Así que, amiguiños, se non queredes pasar pola provincia de Lugo para ir a Ourense xa estades collendo a estrada da Gudiña, OU-533. E claro, se queredes ir de Quereño (Rubiá) a O Barco e non pasar pola de León, hai que facelo por Silván.
Sentidiño
Neste intre non sei se é mellor pagar a multa ou quedar sen ir á capital, así que outra opción é chamar a Tráfico para aclarar a situación. Achegámoslle a seguinte pregunta, se nos trasladamos dun punto a outro da provincia e a estrada atravesa outra provincia distinta, ou no caso da zona de Verín até outro país, podo ser apercibido cunha sanción?
A Garda Civil de Tráfico aclara que é sancionable; pero que en principio se se vai en tránsito (sen deterse na provincia veciña) o máis probable é que nin sequera te paren e, de facelo, se xustificas a causa do desprazamento non haberá denuncia. «As sancións por este incumprimento son de 600 euros e non están os tempos para facer fronte a estas contías», explican.
E, se vas pasando por unha provincia que non é a túa e che entra un «apretón» ou quedas sen combustible no coche? Poderías parar na Pobra de Brollón, por exemplo? «O que ten que imperar é o sentido común ante a ambigüidade da lei», din desde Tráfico.
Os traslados interprovinciais ou entre comunidades autónomas estaban xa permitidos na fase 0 se eran por motivos laborais. Para realizalos precísase un documento que acredite que te trasladas por traballo. Faise constar o nome da empresa, o domicilio desta e o do traballador. O mesmo pasa se vas ao médico. Cos datos da cita previa e o xustificante cando volves é máis que suficiente. Iso si, se a viaxe é porque che apetece dar unha volta, ao mellor tes algún problema e até sanción económica. Porque unha cousa é moverse por necesidade e outra por «ociosidade».
Sentidiño é o que nos falta neste tempo, ou máis ben, nunca o tivemos e agora percatámonos máis. Se algo ten este becho é que ao malo fíxoo peor, ao bo mellor e os descerebrados, propáganse máis rápido que a Covid-19.