
Se falamos de Ángel García —se le isto botaría un soprido por chamarlle polo seu nome de pila—, igual non é alguén demasiado coñecido. Pero, se dicimos Xelo de Tremiñá, seguro que xa comeza a soar moito máis familiar.
Os inicios de Xelo foron difíciles, entre os anos 50 e os 60, comezou a traballar nun taller como artesán e foi aí «onde me empezou o "gusanillo"», relata. A súa sorte chegou cando lle ensinaron de maneira moi rápida as gubias, aí iniciou a súa faceta de escultor.
O maior inconveniente era seguir vivindo no Barco, «neste pobo ser escultor era un pouco difícil». Foi pasando o tempo, a súa paixón aumentaba e a súa creación tamén. «Máis tarde gañei un premio en Ourense no que me deron 10.000 pesetas e unha medalla», recorda.

Pero o que debería tomarse como un gran triunfo, ou o inicio de unha carreira prometedora, foi todo un inconveniente no seu fogar. «Case me costa un desgusto co meu pai cando cheguei a casa. Pensaba era que había roubado ese diñeiro». O premio que gañara Xelo equivale a uns 60 euros na actualidade, pero daquelas, «o meu pai gañaba unhas 800 pesetas traballando en CEDIE». A sorte que tivo foi aquela medalla que lle deron no momento de gañar.
Como a súa paixón non deixaba de crecer, tiña claro que tiña que ir a «España, como digo eu, a Madrid». A mellor maneira que se tiña daquelas para poder saír era facendo a mili, entón, «anoteime voluntariamente e de Madrid destínanme a Salamanca. Aí estiven 18 meses», recorda. Rematada a mili, mudouse a Madrid e comezou a súa «historia».
«Empecei a Escola de Oficios e a coñecer a persoas. Entre elas a Juan de Ávalos». As esculturas do primeiro mentor de Xelo son unha das máis representativas da arte española contemporánea, seguindo a corrente figurativa.
Os primeiros traballos na zona
Das primeiras esculturas en madeira no Barco, «foi esa célebre Divina Pastora», recorda. Despois deste encargo, comezou a recibir un tras de outro e, así, consolidouse como escultor da zona. «Foi un momento moi bonito porque a arte sacra pegou un xiro bestial, comezáronse a tira escaiolas e a meter esculturas de materiais un pouco máis dignos».
Despois de traballar ca madeira e co barro, Xelo non deixou de coñecer a outros materiais. Por exemplo, «encargóuseme a fonte da Praza do Príncipe que está feita en ferro. Temos outra no mesmo material no parque, pero é unha pena porque se está oxidando», explica.

Pero, que lle pasou cando coñeceu o barro? Xelo sabía esculpir, pero en madeira, entón cando o barro comezou a pasear pola súa vida, «sopráballe, porque ti ca madeira é o que fas para ir limpando». Esta acción suscitaba moitas bromas cando inda estaba en Madrid, xa que lle dicían: «Madre mía con el gallego».
A pesar de haber traballado con tantos materiais, «o resultado do bronce é moi interesante, a madeira foi o primeiro, pero unha vez que coñeces outros materiais, como o bronce, é elemental». Xelo loitou por perseguir os seus soños e ser escultor e, agora, estará nesta profesión «ata que os xeonllos aguanten».