
A Xunta de Galicia vén de publicar a listaxe provisional de admitidos nas súas escolas infantís para o curso 2024 – 2025, que se poderá consultar na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade. Dende o 7 de maio, ata o luns 13 abrirase un período para presentar alegacións.
As listaxes definitivas de admitidos, nas máis de 170 escolas infantís da rede pública autonómica, daranse a coñecer o día 31 deste mesmo mes. Isto terá lugar unha vez feito o cribado de solicitudes dun mesmo neno para varias escolas.
Cando se teña publicada a relación de admitidos, as familias terán de prazo do 1 ao 14 de xuño para formalizar a matrícula dos seus fillos. O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Xunta está fixado para o 6 de setembro.
No curso 2024 – 2025 a atención educativa será gratuíta para o 100% do alumnado en todas as escolas infantís de Galicia durante oito horas ao día e once meses ao ano.
Isto dáse tanto nas que forman parte da rede pública da Xunta como nas que dependen dos Concellos, nas de iniciativa social e nas privadas adheridas ao programa de gratuidade do Goberno galego.