
Dentro das múltiples actividades que se están levando neste 28 de maio, no marco das Xornadas de Portas Abertas de Valdeorras. Acudimos a Xornada de promoción dos viños de Valdeorras nos que se puideron degustar unha ampla selección dos viños das adegas participantes. Estivemos en Rubiá, na adega O Cepado; na Rúa en Adega A Coroa e Melillas e en Vilamartín, na cova de Pepe o vicepresidente da Asociación de Coveiros de Vilamartín.

Na cova de Pepe, empregada para a conservación do viño, os visitantes coñeceron como se realizou a escavación soterrada e ademais asistiron a unha cata de 5 viños comentada pola enóloga Cecilia Fernández . Neste lugar tamén rematou a Ruta da Fada da Loba onde 20 persoas camiñaron polos montes vilamartineses, descubrindo os seus regatos e aldeas máxicas coma Cernego. Viron viñedos, soutos, terras cultivadas e construcións vencelladas á vida no rural. Un autobús levounos desde a zona do Bañadoiro de Vilamartín ata Cernego, onde descubriron a lenda da Loba da Fada a través dunha ruta de 6 quilómetros.

Outras das actividades da Ruta que propoñen desde a organizacvión son: Viños de Valdeorras e chocolates; a actividade Descubrindo as pegadas do pasado, que propón un picnic en Larouco ou a observación astronómica que onte venres se celebrou no hotel Pazo do Castro da man de Francisco Javier Cerdán Núñez, tras a presentación das Xornadas.

Divulgar a historia da comarca de Valdeorras foi o obxectivo doutra das accións que compoñen o programa das xornadas. Esta actividade A Idade Media, o románico e o viño, buscou, desde Xagoaza, ilustrar aos visitantes sobre as peculiaridades do viño da comarca neste período histórico. A adega Godeval, esta mañá promoveu reeducar olfacto, memoria olfativa e fortalecemento das células sensoriais a través dunha actividade que poñerá en valor os aromas do godello.

Ademais, aínda é posible inscribirse no Túnel do Viño que comezou esta sábado. O túnel ten unha duración aproximada de dúas horas, está atendido por camareiros e conta coas explicacións dun especialista en viños. O horario, de 19.30 a 22:30 horas.

Outra das actividades, nas que se está a tempo é na de Experiencia de arte e viño, un evento de lecer no que os participantes poderán pintar un cadro con pintura acrílica inspirado na obra A noite estrelada de Van Gogh.
