sábado. 14.06.2025

Manifestos, concentracións e forza da mocidade neste 25-N

O alumnado, as institucións e as comunidades locais sumaron as súas voces para construír un mundo máis xusto e igualitario

O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, converteuse nunha data de gran significado para reivindicar unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia. Na nosa contorna, os concellos deron un paso adiante, alzando a voz en nome de todas aquelas mulleres que sufriron ou seguen sufrindo violencia machista, así como en memoria das que xa non están.

No Barco: un manifesto para non esquecer

Ás 12:00 horas, o Concello do Barco de Valdeorras celebrou a lectura dun manifesto no que se destacou o compromiso político e social para erradicar a violencia de xénero. O texto lembrou que esta forma de violencia é unha vulneración grave dos dereitos humanos, cun impacto devastador sobre a igualdade, a liberdade e a seguridade das mulleres.

«A violencia de xénero non é só un problema individual, senón unha responsabilidade colectiva, institucional e social. Non podemos normalizar estas cifras nin aceptar discursos negacionistas que banalizan a realidade da violencia machista», sinalouse no manifesto, que tamén puxo o foco nas desgarradoras cifras: máis de 1.284 mulleres asasinadas en España desde 2003 e 40 só no que vai de ano.

O manifesto tamén recalcou a necesidade de visibilizar outras formas de violencia, como a psicolóxica, económica e dixital, e de traballar xuntos para garantir unha sociedade segura e digna para todas as mulleres.

San Xoán de Río: unha chamada dende as raíces

Ás 12:00 horas, en San Xoán de Río, ergueuse unha voz chea de forza e dignidade a través da lectura dun manifesto emotivo e simbólico.

«Dende San Xoán de Río, entre a terra que nos sostén e as raíces que nos dan forza, erguemos hoxe unha mensaxe clara: non imos aceptar máis inxustizas», comezou o texto, que recoñeceu a loita das mulleres rurais como clave para a transformación social.

O manifesto puxo en valor a resiliencia e a coraxe das mulleres do rural, afirmando que «non estamos feitas para calar fronte á dor nin para vivir nunha sombra que non é nosa». Destacou que romper o silencio é un acto revolucionario, unha forza tan imparable como os ríos que percorren os vales galegos.

«Que o mundo entenda: non imos permitir que ninguén nos corte as ás, nin nos roube os soños. Somos lume e seremos luz, dende San Xoán de Río ata o máis lonxe».

Quiroga: voces novas contra a violencia

En Quiroga, os actos polo 25-N comezaron ás 13:00 horas cunha concentración diante da casa consistorial, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM). A lectura do manifesto correu a cargo da concelleira de Educación, Infancia e Igualdade, Maite Pérez Grao, quen subliñou a importancia de alzar a voz contra todas as formas de violencia exercida contra as mulleres.

«Cada vez que calamos ante unha agresión, facémonos cómplices da violencia machista», afirmou a concelleira, destacando tamén a urxencia de combater a crecente problemática da violencia dixital. «Este espazo virtual converteuse nun novo escenario de delitos e dinámicas daniñas que debemos erradicar», engadiu.

Os actos en Quiroga tiveron un toque especial grazas á participación do alumnado dos centros educativos locais, que acudiron con pancartas e mensaxes como "Os homes non maten ás mulleres" e "Todos podemos vivir en paz". Estas voces novas achegaron esperanza e recordaron que a educación é clave para cambiar as actitudes e previr a violencia.

IES Xermán Ancochea Quevedo

O instituto celebrou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun acto cargado de emoción e compromiso. A comunidade educativa reuniuse para lembrar a importancia desta data e reafirmar o seu rexeitamento ás violencias de xénero.

Durante o acto, o alumnado leu un manifesto que reflexionou sobre o impacto devastador da violencia machista na sociedade, lembrando que, só no que vai de ano, 40 mulleres foron asasinadas en España a mans das súas parellas ou exparellas. A lectura destacou que detrás de cada cifra hai vidas truncadas, familias rotas e unha sociedade que non pode permanecer impasible. Como se indicou no manifesto: “Acostumarse a este tipo de noticias é deixar escapar parte desa humanidade que nos debería caracterizar”.

Ademais da lectura do manifesto, o evento incluíu unha interpretación musical que puxo o broche emocional ao encontro. Tamén se puxo en valor o traballo do alumnado de 1º de Bacharelato da materia de OCA, quen investigou e homenaxeou a iconas feministas, subliñando o papel de mulleres que loitaron pola igualdade ao longo da historia.

Manifestos, concentracións e forza da mocidade neste 25-N