domingo. 21.04.2024
P_somoscomarca_240214_bng_noapresas
O BNG quere crear o Consorcio Galego de Transportes e a tarifa plana de transporte intermodal

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, mantivo unha reunión con representantes do tecido social e económico traslada as principais medidas en materia de transporte e mobilidade. Presas destacou a creación dun Consorcio Galego de Transportes e o impulso dunha tarifa plana de transporte intermodal.

Para a comarca de Valdeorras, dende o Bloque Nacionalista Galego comprométense a rematar coa «discriminación e o illamento que sofre en materia de mobilidade cun goberno coas mans libres». Aseguran que para defender os intereses da veciñanza queren facer a «restauración do servizo ferroviario ou mellora na seguridade viaria como na N-120, entre as cuestións prioritarias a resolver». 

O programa de goberno do BNG contempla achegar «solucións transversais ás dificultades de mobilidade de persoas en transporte colectivo, fórmulas sustentables e responsables adaptadas ao medio natural e á realidade do territorio». Mais tamén, engade Presas, unha mobilidade verdadeiramente intermodal, «que sexa real e non só física».

«Crearemos o Consorcio Galego de Transporte, impulsado desde a Xunta e coa participación de RENFE e os concellos. Do mesmo xeito, impulsaremos a tarifa Plana de transporte intermodal —bus, tren, taxi rural—, con prezo mensual, descontos para determinados colectivos en función da renda e gratuidade para estudantes, persoas paradas e xubiladas», avanza a cabeza de lista do BNG. 

Durante a reunión co tecido social e empresarial da comarca de Valdeorras, Presas comprométese a rematar co illamento e a discriminación que sofre a comarca, tamén en materia de infraestruturas e mobilidade. «Sobran os exemplos sobre a necesidade de ter un goberno galego coas mans libres, como ten o BNG, para rematar con esta situación: aí podemos ver o mal estado da N-120, a inexistente A-76 ou o desmantelamento progresivo dos servizos ferroviarios que conectaban a comarca con Ourense, co resto do País e mesmo coa meseta», enumera a candidata.

«O elevado índice de sinistralidade viaria, coas terríbeis consecuencias, demostra que hai que inverter totalmente as prioridades e os maiores esforzos deben ir mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais de forma máis segura, potenciar os camiños de ferro interiores e de proximidade», sinala Presas.

«Ademais, no que ten que ver coas competencias que xa ten a Xunta de Galiza, quero resaltar que no noso programa de goberno levamos contemplada a mellora do transporte colectivo por estrada, co impulso do transporte a demanda nas zonas rurais e a mellora do transporte comarcal», conclúe a cabeza de lista.

O BNG quere crear o Consorcio Galego de Transportes e a tarifa plana de transporte...