martes. 25.11.2025

O BNG presenta unha emenda á totalidade aos orzamentos da Deputación de Ourense para 2026

A formación provincial propón destinar esa redistribución a incrementar o apoio económico aos concellos, axudar ás persoas afectadas polos incendios deste verán, integrar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no Consorcio de Incendios, activar a economía da provincia e crear un programa específico contra a violencia machista
somoscomarca_20251122_ourense_bng_varela2077
O BNG presenta unha emenda á totalidade aos orzamentos da Deputación de Ourense para 2026

O BNG vén de presentar unha emenda á totalidade aos orzamentos da Deputación de Ourense para 2026, cunha proposta que redistribúe 18,67 millóns de euros e incorpora dúas modificacións nas bases de execución. Bernardo Varela, portavoz nacionalista, cualificou as contas do PP de «continuístas» e asegurou que «levan lastrando as comarcas de Ourense todos estes anos».

A formación provincial propón destinar esa redistribución a incrementar o apoio económico aos concellos, axudar ás persoas afectadas polos incendios deste verán, integrar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no Consorcio de Incendios, activar a economía da provincia e crear un programa específico contra a violencia machista.

Dentro da emenda á totalidade, o BNG propón un Plan Único dotado con 23,41 millóns de euros, baseado nos criterios obxectivos da FEGAMP. Deles, 20,91 millóns repartiríanse segundo as bases provinciais e 2,5 millóns reservaríanse para os concellos afectados polos incendios do verán de 2025. Varela lembrou que o obxectivo do BNG continúa a ser acadar os 25 millóns para este plan, «unha cifra perfectamente asumible se existe vontade política».

Emergencias e unificación dos GES

O partido demanda tamén a incorporación dos GES ao Consorcio de Incendios, incrementando en 400.000 euros os fondos para emerxencias —con 200.000 euros adicionais en 2026 e outros 200.000 en 2027—. O portavoz subliñou que o acontecido este verán «deixou moi claro que a provincia precisa un mando único e unha resposta ordenada, non parches».

Outro dos bloques destacados é un programa de dinamización económica dotado con 2,71 millóns de euros, destinado a entidades sindicais, empresariais, profesionais, formativas e universitarias mediante convenios e concorrencia competitiva. Para Varela, a provincia «non pode seguir ancorada nun modelo esgotado» e precisa políticas estruturais que creen emprego e oportunidades reais.

A emenda inclúe ademais un programa específico contra a violencia machista cun orzamento de 150.000 euros. O portavoz nacionalista advertiu que non se pode «presumir de compromiso coa igualdade mantendo partidas simbólicas» e defendeu un apoio estable ás entidades que traballan neste ámbito esencial.

Mudanzas nas bases de execución

O BNG propón dúas modificacións nas bases de execución: Que os representantes públicos só perciban dietas se permanecen polo menos o 70% do tempo das sesións e participan no 90% das votacións e limitar as axudas nominativas ao 8% dos capítulos IV e VII, incluíndo modificacións de crédito e remanentes.

Segundo Varela, o PP continúa a reservar un remanente importante para nominativas e «non hai cambio real, só un cambio de cromos», criticando o que considera unha política clientelar mantida no tempo.

O BNG denuncia tamén a falta de avances no capítulo I, tanto en transparencia como en modernización da estrutura de persoal. Afirman que a Deputación continúa sen unha RPT «digna, moderna e axustada ás necesidades reais». Ademais, cualifican o INORDE como «irreformable» e defenden a súa disolución para integrar as competencias na propia Deputación, ao considerar que «non cumpre cos seus obxectivos declarados».

Varela concluíu asegurando que as emendas demostran que «é posible un modelo alternativo, máis transparente, máis eficaz e máis orientado aos intereses da veciñanza». Fronte ao que cualifica como «continuísmo e vellos vicios» do PP, afirmou que o BNG seguirá a defender «poñer a Deputación ao servizo da maioría social»

O BNG presenta unha emenda á totalidade aos orzamentos da Deputación de Ourense para 2026